HomePontevedraPoioPoio contará en 2023 cun orzamento de 13,5 millóns con máis fondos...

Poio contará en 2023 cun orzamento de 13,5 millóns con máis fondos para asistencia social e coas taxas conxeladas por décimo ano consecutivo

- Anuncio -spot_img

• O documento, que será aprobado antes de que finalice o ano, contempla máis de 1,5 millóns de euros (o 11% da partida total) para Servizos Sociais

• O edil de Facenda, Xulio Barreiro (BNG), salienta tamén a redución da débeda en máis de 750.000 euros e destaca que as contas “son o reflexo dun municipio en crecemento, dinámico e que xera novos recursos ano tras ano grazas ao aumento de poboación e á propia dinámica económica do municipio”

O Concello de Poio aprobará o Orzamento municipal correspondente ao ano 2023 antes de que remate o exercicio vixente. Será na sesión ordinaria de decembro, o vindeiro día 27, cando se sometan as votacións as contas, que ascenden a un total de 13,5 millóns de euros, o que supón un novo máximo histórico, toda vez que se superan os 13,4 de 2022. O concelleiro de Facenda, o nacionalista Xulio Barreiro, salienta a consolidación da política marcada polo Goberno local no que a conxelación de impostos se refire, xa que este será o décimo exercicio consecutivo no que non se incrementarán as taxas municipais, tendencia iniciada en 2013. “Este é o mellor indicador de que Poio é un concello en crecemento, dinámico e saneado economicamente, capaz de xerar ano a ano novos recursos sen necesidade de incrementar os impostos”, apunta Barreiro Lubián, que subliña que os novos ingresos xerados correspóndense “ao crecemento do censo e da propia dinámica económica do municipio”.

Este é un Orzamento que destaca polo seu compromiso social. Así o demostra o feito de que o 11% do total (máis de 1,5 millóns de euros) destinaranse a todo o relacionado con asistencia social primaria, o que se traduce nun incremento de 263.000 euros con respecto á partida de 2022. Cómpre lembrar que o Concello asumiu un maior investimento na renovación do contrato do Servizo de Axuda do Fogar, para garantir unha prestación nas mellores condicións en calidade e número de horas. Outro feito a salientar é a redución da débeda do Concello en 755.000 euros, caendo do 65 ao 57%, máis lonxe aínda do 110% que permite a Lei de Facendas Locais. O titular da área confirma, asemade, que non hai previsión de realizar operacións de préstamo no 2023. “É un Orzamento que reflexa a estabilidade económica do Concello, garantindo os servizos para a veciñanza”, recalca Xulio Barreiro, que lembra que o Goberno municipal aposta por aplicar “criterios de prudencia e de contención de gasto” á hora de elaborar as partidas.

“Deste xeito, redúcese a posibilidade de xerar déficit por non cumprírense as previsións de ingresos e, ao mesmo tempo, conseguimos que a liquidación dos exercicios conclúan con importantes incrementos con respecto ás previsións iniciais”, engade. Precisamente, as previsións de cara a liquidación do Orzamento aínda vixente están estimadas por riba dos 15 millóns de euros, cun aumento do 16%.

Incremento progresivo

Estes criterios de contención non impiden que os Orzamentos municipais fosen incrementándose de xeito paulatino ano tras ano. No último lustro, a partida experimentou unha suba de preto do 18% (en 2017 as contas apenas superaron os 11 millóns de euros). Esta contención tamén queda reflectida no apartado de investimentos, onde se contemplan máis de 327.000 euros. “Existe unha diminución con respecto a anos anteriores porque nesta ocasión só se recollen aqueles investimentos xa comprometidos e tendo en conta as eleccións previstas para maio de 2023”, apunta o titular de Facenda, que estima que o Remanente de Tesourería volverá a quedar fixado nuns 2 millóns de euros.

Por último, cómpre destacar que este ano tamén se manterán as bonificacións que entraron en vigor neste 2022. Deste xeito, volverase aplicar unha redución do 50% no recibo do IBI a familias numerosas con rendas inferiores aos 30.000 euros anuais. Tamén haberá descontos do 25% para vivendas construídas antes do ano 2007 que contemplen a instalación de sistemas de aforro enerxético (como paneis solares, por exemplo) e de hasta o 95% para explotacións agrarias.

As bonificacións tamén se consolidan para o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), dun 50% para aquelas persoas que dispoñan ou adquiran automóbiles híbridos.
No caso dos eléctricos, haberá unha exención do 75%.

Publicacións Relacionadas