HomePontevedraPoioPoio inicia o 2023 superando os 17.280 habitantes, o seu novo tope...

Poio inicia o 2023 superando os 17.280 habitantes, o seu novo tope histórico

- Anuncio -spot_img

• San Salvador continúa a ser a parroquia máis poboada, con 7.644 habitantes, e rexístrase un importante crecemento en San Xoán

• O alcalde, Luciano Sobral, sinala que estes datos “volven consolidar ao noso municipio como un referente na provincia de Pontevedra e un lugar no que cada vez máis xente quere asentarse”

Un ano máis, Poio foi quen en 2022 de manter a súa tendencia de crecemento no que a poboación se refire, marcando un novo teito histórico.

Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estatística (INE), o número de habitantes rexistrado a día 31 de decembro foi de 17.276, unha cifra que o Padrón municipal establece en 17.281 nestas primeiras datas de xaneiro, o que supón un incremento de máis de medio cento de persoas con respecto a 2021, cando o anterior récord quedou rexistrado en 17.230. O alcalde, Luciano Sobral, fai unha valoración moi positiva deste novo incremento, que “reflicte á perfección o feito de que o noso concello é dinámico, saneado economicamente e un referente na provincia, no que cada vez máis xente quere vivir e asentarse, grazas aos servizos, prestacións e á calidade de vida da que pode gozar a veciñanza”.

O alcalde Sobral pon en valor este crecemento nun contexto que define como “difícil”, xa que “a tendencia a nivel global nos últimos anos é que o número de nacementos sexa inferior ao das defuncións”. En todo caso, Poio “consolídase como unha vila atractiva, que se demostra no aumento de empadroamentos”. De feito, este aumento rexistrada ata as primeiras datas de xaneiro supón o quinto máis elevado no que vai de década. Outro afeito a ter en conta é que desde 2012 ata 2022 só houbo dúas ocasións (2020 e 2017) nas que se rexistrou unha baixada en poboación, o que levou ao concello a estar xa plenamente consolidado por riba dos 17.000 habitantes, listón superado por primeira vez en 2018.

Con respecto ás parroquias, a que experimenta un maior incremento en número de habitantes é San Xoán, que pasa de 5.333 a 5.472. Tamén existe unha consolidación en Combarro, Raxó e Samieira, que permanecen por riba dos 1.800, 1.200 e 1.000 veciños e veciñas, respectivamente. O único retroceso o experimenta San Salvador, que cae ata os 7.644, pero, aínda así, continúa a ser con moita diferencia a parroquia que conta cun maior número de habitantes no concello. Luciano Sobral recorda que a principios do século XX a poboación de Poio non chegaba aos 14.500 habitantes. “Nos últimos 20 anos estamos a experimentar un crecemento acorde coa transformación que tamén se foi producindo no concello e imos seguir traballando que para estas cifras non deixen de medrar, ampliando e mellorando servizos, impulsando actuacións e apostando por políticas que nos levan á conxelación e bonificación de taxas e impostos”, conclúe o alcalde.

Publicacións Relacionadas