PO Concello de Ponteareas celebra os días 11 e 12 de marzo unha nova edición de Formatea, a feira de orientación formativa que reunirá na vila a máis de trinta centros de formación para achegar ao alumnado e á cidadanía a ampla oferta educativa existente.
O concelleiro de Ensino, Ricardo González, explica que máis de 400 alumnos e alumnas dos centros educativos de Ponteareas visitarán os 40 stands presentes na feira ao longo das dúas xornadas. Durante o percorrido poderán coñecer de primeira man a oferta educativa de ciclos formativos de todos os niveis, así como as posibilidades de acceso á universidade, resolvendo dúbidas directamente co profesorado e cos equipos informativos dos centros participantes.
Entre as novidades desta edición destaca a implicación de alumnado voluntario de distintos centros educativos de Ponteareas, que exercerá como guía da feira. Estes estudantes acompañarán a grupos reducidos ao longo do percorrido polos stands para garantir que as persoas visitantes poidan coñecer toda a oferta presente en Formatea.
O concelleiro de Ensino quixo agradecer publicamente a colaboración deste alumnado voluntario, salientando que “a súa participación será decisiva para o bo desenvolvemento das dúas xornadas e permitirá que a experiencia para o alumnado visitante sexa máis completa e organizada”.
Formatea busca tamén ampliar o seu público e abrirse a persoas adultas que estean pensando en reorientar a súa traxectoria profesional, ofrecendo información sobre novas oportunidades formativas, reciclaxe profesional e aprendizaxe de novos oficios.
A feira estará aberta ao público de 09:30 a 14:00 horas durante os dous días de celebración.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que iniciativas como Formatea forman parte da aposta do goberno municipal por achegar á cidadanía o maior número posible de servizos formativos e oportunidades educativas sen necesidade de saír da vila.
“A nosa prioridade é que a veciñanza de Ponteareas poida acceder a recursos formativos, culturais e profesionais de calidade no propio municipio. Nos últimos anos puxemos en marcha proxectos moi importantes neste ámbito como a sede da extensión universitaria da UNED, o Centro de Emprendemento ou Artistea, iniciativas que reforzan o papel de Ponteareas como referente formativo e cultural na comarca”, sinalou a rexedora.
Outra das novidades desta edición será a creación dun espazo de lecer e actividade, no que o alumnado poderá participar en demostracións e actividades como artes marciais, bailes, xogos deportivos e distintos obradoiros, que serán impartidos polo CIFP A Granxa.
Con esta nova edición, o Concello de Ponteareas consolida Formatea como un punto de encontro entre centros educativos, alumnado e cidadanía, promovendo a orientación académica e profesional e facilitando que as persoas participantes poidan descubrir novas oportunidades formativas e laborais.



