HomePontevedraO CondadoPonteareas acolle unhas xornadas literarias sobre a obra de Alfonso Pexegueiro

Ponteareas acolle unhas xornadas literarias sobre a obra de Alfonso Pexegueiro

- Anuncio -spot_img
  • Están organizadas en colaboracion coa UNED e desenvolveranse o 20 e 21 de marzo na Residencia Artistea

Os vindeiros días 20 e 21 de marzo van ter lugar en Ponteareas as xornadas literarias “A voz e a palabra”, dedicadas á obra do poeta Alfonso Pexegueiro. A actividade consistirá nun total de seis conferencias impartidas por relatores de primeiro nivel e a proxección dun recital poético musical, e desenvolverase na Residencia Artistea en colaboración coa Universidade de Educación a Distancia (UNED).

O concelleiro de Letras, Ricardo González, explica que estas xornadas insírense dentro das actividades organizadas polo Concello de Ponteareas para conmemorar o 50º aniversario da publicación de “Seraogna”, ópera prima de Pexegueiro que supuxo un revulsivo no panorama galego da época e que mantén unha influencia que aínda se pode detectar nas novas xeracións.

Entre os relatores participantes figuran profesores universitarios e de secundaria, escritores, xestores culturais e críticos literarios, que aportarán diferentes visións sobre a traxectoria literaria de Pexegueiro e o valor do seu legado: Fátima Ferreiro, Isaac Lourido, Roberto Abuín, David Souto, Armando Requeixo e Paula Domínguez. As xornadas clausuraranse coa proxección do espectáculo lírico-musical “A illa das mulleres loucas”, no que o propio autor recita algúns poemas xunto ás actrices Vanesa Sotelo e María Caparrini, e os músicos Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (arpa), que foi gravado no Teatro Principal de Compostela en 2011.

A alcaldesa, Nava Castro, convida a participar nestas xornadas e así coñecer a este creador multidisciplinar que aúna talento e carisma. Engade a alcaldesa que “é de xustiza recoñecer a figura de Pexegueiro pola súa aportación ao mundo das letras nun amplo abano de xéneros. Alfonso Pexegueiro dá continuidade a unha das nosas señas de identidade, a arte en todas as súas expresións”.

As persoas interesadas en participar na actividade poden inscribirse de balde na páxina web da UNED (https://extension.uned.es/actividad/50069&codigo=50069&idioma=ga).

En paralelo a estas xornadas, celebrarase tamén unha exposición na planta baixa da Residencia Artistea na que se recollen as portadas dos libros publicados por Pexegueiro e que desvelan en boa medida a súa relación cos integrantes do grupo pictórico “Atlántica”, moi activo nos anos 80 e 90.

A VOZ E A PALABRA

Xornadas sobre a obra de Alfonso Pexegueiro

(Ponteareas, 20/21 marzo-2026)

Índice de intervencións:

VENRES, 20

11:30 – 12:00 h.: Recepción.

12:00 h.: Intervención de Fátima Ferreiro: «Memoria e orixes na obra de Alfonso Pexegueiro: o trazo que recorda, o verso que regresa».

16:30 h.: Intervención de Isaac Lourido: «Fóra do normal: a escrita de Alfonso Pexegueiro na cultura galega autonómica».

18:00 – 18:30 h.: Pausa.

18:30 h.: Intervención de Roberto Abuín: «Iqbal, as garzas azuis e o soño por vir».           

SÁBADO, 21

10:00 h.: Intervención de David Souto: «Dende as marxes: Alfonso Pexegueiro e o verdadeiro sentido do underground na cultura galega e española do Réxime do 78».

11:30 – 12:00 h.: Pausa

12:00 h.: Intervención de Armando Requeixo: «Alfonso Pexegueiro na literatura do noso tempo».

16:30 h.: Intervención de Paula Domínguez: «Da transcendencia do autor a unha filosofía do universal».

18:00 – 18:30 h.: Pausa.

18:30 h.: Clausura: Proxección do espectáculo poético-musical «A illa das mulleres loucas». Interveñen Alfonso Pexegueiro (narrador), as actrices Vanesa Sotelo e María Caparrini, e os músicos Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (arpa). Gravado no Teatro Principal de Compostela o 27/05/2011.

RELATORES:

Fátima Ferreiro (Vigo, 1984)

Licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela en 2007 e II Premio Nacional de Psicoloxía no mesmo ano. Investigadora na USC entre os anos 2007 e 2013, colaborou en diversas publicacións en revistas científicas e participou en diversos congresos nacionais e internacionais no ámbito da psicoloxía clínica, recalando en 2012 nas frías augas de Trondheim para realizar unha estadía de investigación na Universidade Noruega de Ciencia e Tecnoloxía.

Profesora de ensino secundario pola especialidade de Intervención Sociomunitaria desde 2013. Actualmente é profesora no IES de Chapela (Redondela) na familia profesional de FP de Servizos Socioculturais e á Comunidade. Amiga e admiradora de Alfonso Pexegueiro desde que ten uso de razón, achégase á súa obra guiada unicamente pola súa curiosidade persoal e a súa paixón pola beleza.

Isaac Lourido (Ferrol, 1981)

Doutor en Teoría da Literatura e Literatura comparada pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2017 é profesor da área de Galego-Portugués e membro do grupo de investigación ILLA da Universidade da Coruña. As súas liñas de investigación abranguen as metodoloxías da historia literaria, as relacións entre cultura e conflitos sociais, a poesía galega contemporánea e o campo editorial galego no período autonómico.

En 2014 publicou História literária e conflito cultural. Bases para umha história sistémica da literatura na Galiza (Laiovento, XX Premio Carvalho Calero de Investigación Lingüística e Literaria) e Livros que nom lê ninguém. Poesia, movimentos sociais e antagonismo político na Galiza (Através Editora). En 2023 co-editou, con Arturo Casas e Cristina Martínez, o libro Xoán González-Millán: a projeção de um pensamento crítico (Através Editora).

Roberto Abuín (Rianxo, 1979)

Filósofo, escritor e editor. Estudou Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela e Antropoloxía na Unitierra de Oaxaca (México), fundada polo teórico e activista Gustavo Esteva. Foi un dos iniciadores e editor da editorial mexicana Almadía e tamén membro fundador e editor de Axóuxere Editora. Coordinou as residencias de escritores/as de Axóuxere Editora en Rianxo, pola que pasaron creadores de diversas partes do mundo. Na actualidade é o comisario das Residencias Mariñán de literatura e pensamento, promovidas pola Deputación da Coruña no Pazo de Mariñán (Bergondo).

Entre outras obras, publicou Ogham, ou arredor da escrita (Euseino? Editores, 2017), Orfeo canta. Iniciación, signo & retorno (Axóuxere, 2018), Todo ser humano é un artista (Euseino? Editores, 2020) e FMENI (Urutau, 2023).

David Souto (Vilagarcía de Arousa, 1983)

Escritor e doutor en Estudos Hispánicos pola Universidade de Nova Iorque (NYU). Foi profesor de cultura temperá-moderna en varias universidades estadounidenses. Especializado na historia do republicanismo e nas relacións entre política, filosofía e literatura, nos últimos anos centrouse en explorar os fundamentos do autoritarismo contemporáneo: tecnocracia, poshumanismo e globalismo. É colaborador habitual de distintos medios (Vozpópuli, Diario 16, etc.), así como membro fundador e editor de Brownstone España, onde publica artigos e participa en programas de análise cultural e xeopolítica.

Publicou dous libros de poesía en galego: A árbore seca (Espiral Maior, 2008) e Vertixe da choiva (Toxosoutos, 2009).

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971)

Crítico literario, secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Catedrático de Lingua Galega e Literatura, é doutor en Filoloxía Galega e coordinador da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro.

Publicou numerosos ensaios, estudos e edicións críticas e o seu labor como crítico literario pode seguirse en diferentes cabeceiras da prensa galega. O seu libro máis recente é Literatura insólita, editado por Galaxia a fins do pasado ano.

Recibiu, entre outros, o Premio Xerais á Cooperación Editorial (2004); o Premio Ánxel Fole (2010); o Premio Alecrín (2017); o Premio xornalístico M. Reimóndez Portela (2017) ou o recente Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro (2026).

Paula Domínguez (Pontevedra, 2002)

Graduada en Filosofía pola USC e Premio Fin de Grao. Realizou dous programas de intercambio na UB e na UNC (Arxentina). Cunha traxectoria literaria precoz, ten gañado máis de vinte certames en poesía e relato curto, entre os que destacan o Premio de Poesía do Concello de Marín, o Premio Torre de Caldaloba ou os Certames de Terras de Chamoso, Cambre e Ames en varias edicións. A nivel estatal, recibiu recoñecementos como o Premio de Poesía da Fundación Comillas ou o Certame Inspiraciencia.

No ano 2022 foi seleccionada para desenvolver un proxecto filosófico nas Residencias de Pensamento de Mariñán. Alí coñeceu a Afonso Pexegueiro, presentando a última novela deste en Santiago de Compostela.

Publicacións Relacionadas