HomePontevedraO CondadoPonteareas conmemora o Día Internacional da Parada Cardíaca cunha xornada práctica de...

Ponteareas conmemora o Día Internacional da Parada Cardíaca cunha xornada práctica de RCP aberta á cidadanía

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas, a través das concellerías de Saúde, Ensino e Seguridade, organiza en colaboración coa Asociación Profesional de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia (TesGalicia) unha xornada de reanimación cardiopulmonar (RCP) básica con motivo do Día Internacional da Parada Cardíaca.

A actividade, baixo o lema “As túas mans salvan vidas”, ten como obxectivo ensinar nocións básicas de primeiros auxilios e RCP a todas as persoas interesadas.

Unha xornada aberta e participativa

O evento celebrarase o luns 27 de outubro, entre as 10.00 e as 19.00 horas, na Praza Maior de Ponteareas. Durante toda a xornada, representantes da Cruz Vermella, Bombeiros, Policía Local, realizarán demostracións prácticas e despregamentos dos seus medios de emerxencia para dar a coñecer o seu funcionamento tanto ao alumnado dos centros educativos como á cidadanía en xeral.

Máis de trescentas nenas e nenos dos colexios CEIP Fermín Bouza Brey, Mestre Ramiro Sabell, Santiago de Oliveira, Feliciano Barrera de Guláns, As Veigas, Santiago Apóstol e La Inmaculada participarán nesta experiencia, aprendendo nocións básicas de primeiros auxilios.

Formación vital para salvar vidas

As sesións permitirán coñecer e practicar as manobras fundamentais de reanimación, como a conduta PAS (Protexer, Avisar, Socorrer), o uso do desfibrilador, a atención ante un atragoamento ou a posición lateral de seguridade para persoas inconscientes que respiran.

“Trátase de darlle a oportunidade a todas as persoas interesadas en saber salvar unha vida, achegando a cadea de supervivencia á poboación e enriquecendo á sociedade. A testemuña dunha parada cardíaca é vital, xa que é quen pode alertar aos Servizos de Emerxencias e iniciar unha RCP nos tres primeiros minutos, cruciais para salvar unha vida”, explicou Borja Álvarez, representante de TesGalicia.

Pola súa banda, a concelleira de Saúde, Raquel Plana, subliñou a importancia da iniciativa:

“É unha oportunidade marabillosa para aprender manobras básicas que poden axudar a salvar vidas. Só se a persoa que presencia unha parada inicia a reanimación nos primeiros minutos teremos opcións reais de manter con vida ao paciente ata a chegada dos sanitarios. Animo a toda a veciñanza a participar nesta xornada tan importante”.

Colaboración institucional

A actividade conta tamén coa colaboración do Policlínico San Miguel e da UNED, entidades ás que desde TesGalicia e o Concello se lles agradece a súa implicación e apoio nesta acción formativa e solidaria.

Publicacións Relacionadas