• O informe encargado pola Concellería de Infraestruturas Xerais, Saneamento e Augas recolle un total de 179 fontes
• O inventario detalla as características físicas, localización, estado, tipo e dereito de uso da fonte
A concellería de Infraestruturas Xerais, Saneamento e Augas do Concello de Ponteareas, dirixida por Raquel Bautista, conta xa co primeiro inventario de fontes públicas do termo municipal. Un informe que recolle 179 fontes coas súas características físicas, localización, estado, tipo e dereito de uso da fonte.
“As fontes públicas forman parte dos recursos naturais que nos rodean e supón un piar fundamental en determinadas contornas, polo que é moi importante a súa localización, conservación e mantemento para garantir a salubridade das mesmas como achega positiva no benestar das persoas e a conservación do medio ambiente”, explica a concelleira.
Este inventario realizouse co fin de inventariar e avaliar as fontes de auga superficiais para poder optimizar a planificación e localización do seu uso potencial. Sinala Raquel Bautista que para redactar este informe realizáronse visitas de campo ás vintecatro parroquias para a toma de datos, contando coa información achegada por parte dos veciños e comunidades de montes, e realizando unha inspección exhaustiva de cada unha das fontes. No informe recóllese unha reportaxe fotográfica de cada unha das infraestruturas e a localización exacta das mesmas realizouse mediante a toma de datos con GPS segundo o método de posicionamento en tempo real RTK.
Raquel Bautista pide a colaboración da cidadanía na boa conservación das fontes públicas, “xa que son un recurso inestimable que debe estar en bo estado tanto polo benestar das e dos usuarios como tamén por sustentabilidade do medio ambiente. É un recurso de todas e todos nós e forma parte da identidade de cada barrio. A auga ten un potencial económico que debe xestionarse de forma sostible e eficiente, optimizando o seu uso e aproveitamento. Como institución queremos concienciar e fomentar unha cultura da auga”.

