HomePontevedraO CondadoPonteareas dá un xiro ao SAF: máis do dobre de investimento e...

Ponteareas dá un xiro ao SAF: máis do dobre de investimento e fin das listas de agarda

- Anuncio -spot_img

O novo modelo multiplica horas, persoal e cobertura fronte á situación dos últimos anos

O Concello de Ponteareas adxudicou en pleno o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o máis cuantioso da historia municipal, que permitirá dar un salto significativo na cobertura, na calidade asistencial e nos recursos destinados á atención social.

O contrato contará cun importe anual de 1.853.858,44 euros, fronte aos 873.110,40 euros do ano 2022, e permitirá incrementar as horas de servizo ata 80.400 anuais (67.000 fixas e 13.400 variables), moi por riba das 55.200 horas anuais do modelo anterior.

Este reforzo permitirá atender á totalidade das persoas con dependencia de grao III e practicamente á totalidade das de grao II, eliminando as listas de agarda existentes nos últimos anos, nas que había entre 40 e 60 persoas pendentes de atención.

O prezo por hora increméntase de 16,94 €/h a 27,67 €/h, o que permitirá mellorar de maneira substancial a calidade do servizo e avanzar cara a un modelo máis sólido e profesionalizado.

Ademais, o contrato incorpora un importante reforzo do equipo profesional, que pasa de 17 a 55 auxiliares, e amplía a estrutura de coordinación e atención con 3 coordinadoras (1 educadora social e 2 traballadoras sociais), 1 fisioterapeuta e 1 podóloga.

Entre as novidades destaca tamén a incorporación de sistemas tecnolóxicos avanzados para a xestión do SAF, que permitirán mellorar a coordinación, a seguridade e a comunicación entre persoas usuarias, profesionais, familias, empresa e Concello.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que: “Esta adxudicación representa unha das decisións máis importantes do mandato, porque permite consolidar un modelo de concello que coida, acompaña e atende ás persoas que máis o precisan”.

O Concello reafirma así o seu compromiso cun servizo de axuda no fogar máis forte, estable e de calidade, adaptado ás necesidades reais da veciñanza.

Publicacións Relacionadas