A infancia e a adolescencia están hoxe máis conectadas ca nunca, rodeadas de pantallas, redes sociais e notificacións constantes. Segundo o estudo Infancia, adolescencia e benestar dixital. Unha aproximación desde a saúde, a convivencia e a responsabilidade social —elaborado por Red.es, UNICEF España, a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello Xeral de Colexios de Enxeñería Informática—, o 92,5% dos adolescentes utiliza polo menos unha rede social e o 75,8% emprega tres ou máis. Incluso no final de Primaria, o 78,3% xa conta con perfil nalgún destes espazos dixitais.
Esta realidade evidencia que estamos ante unha xeración hiperconectada que, aínda que máis consciente dos perigos da internet, continúa exposta a importantes desafíos emocionais, de convivencia e de seguridade. Por este motivo, o Concello de Ponteareas, en colaboración coa comunidade educativa, decidiu dedicar o Pleno Infantil do Día Mundial da Infancia a reflexionar sobre os dereitos dixitais das nenas e dos nenos.
Ao longo da sesión, alumnado participante —Lois e Candela, Xoel e Anxo, Gabriel e José Ángel, Mateo e Xoel, Elisabeth e Yoel, Jaime e Camila, Leila e Deivid, Germán e Mai, Laura e Noela e Sara e Mateo— debateron e presentaron diversas propostas, entre elas a creación dun “Galicia Certifica” que garanta espazos dixitais seguros para a infancia e a adolescenci; a oferta de máis cursos e formación interactiva sobre seguridade e benestar dixital e a difusión dos dereitos dixitais da infancia na páxina web municipal, redes sociais e mupis informativos.
A alcaldesa, Nava Castro, destacou durante o pleno que “a dixitalización representa unha oportunidade extraordinaria para a infancia: facilita a inclusión, estimula a creatividade e fortalece vínculos sociais e familiares. Pero unha exposición temperá e sen acompañamento conleva riscos que deben abordarse como un problema de saúde pública”. Castro reiterou o compromiso do goberno local coa implantación das novas tecnoloxías ao servizo da mellora da calidade de vida da cidadanía.
Durante o debate, as nenas e nenos tamén conversaron coa concelleira de Benestar Social, Raquel Plana sobre o mal uso da tecnoloxía, a perda de hábitos saudables, a fatiga mental, a presión pola imaxe ou os riscos do ciberacoso. Tamén abordaron cuestións prácticas como o uso responsable dos motores de busca ou a importancia das contrasinais seguras. O pleno estivo inicialmente presidido pola alcaldesa e contou tamén coa presenza do concelleiro de Ensino, Ricardo González.
Co obxectivo de visibilizar esta xornada, o Concello de Ponteareas iluminarase esta noite de azul, cor representativa do Día Mundial da Infancia.

