A Orde do Camiño de Santiago e a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas asinaron un convenio de colaboración para impulsar conxuntamente o proxecto “Ilumina o camiño coa túa estrela”, unha iniciativa que se desenvolverá con motivo do Xacobeo 2027.
O acordo foi subscrito por Alejandro Rubin Carballo, vicepresidente executivo da Fundación, e Miguel Ángel García Correa, presidente da Asociación, en presenza do delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, e da alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, consolidando así unha alianza que une tradición, espiritualidade e patrimonio cultural arredor do Camiño de Santiago.
O proxecto ten como obxectivo fomentar a participación de grupos de alfombristas vinculados a distintas cidades do Camiño, promovendo o intercambio cultural e reforzando os valores universais que representa o roteiro xacobeo. Neste marco, a Fundación Orde do Camiño de Santiago dará difusión internacional á iniciativa, especialmente a través da súa ampla representación en América e outros continentes, convidando as súas Damas e Cabaleiros a participar en colaboración cos grupos locais.
Pola súa banda, a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas coordinará o contacto cos grupos participantes, garantindo o respecto ao espírito tradicional das alfombras florais e promovendo a integración dos distintos colectivos implicados.
O delegado da Xunta en Pontevedra non dubidou en felicitar a ambas partes e poñer en valor o importante papel deste tipo de entidades para a conservación e promoción do noso patrimonio cultural e histórico.
Esta colaboración representa unha oportunidade única para unir a arte efémera das alfombras florais —símbolo de identidade cultural de Ponteareas— coa dimensión universal do Camiño de Santiago, proxectando ambos os patrimonios cara ao Xacobeo 2027 como un evento de encontro entre culturas, tradición e espiritualidade.
No mesmo senso, a alcaldesa insistiu na ampla visibilidade que ofrecerá o Xacobeo ao Corpus ponteareán, multiplicando o nome da vila e ligándoo a un movemento de alcance mundial:
“Como ponteareá e como alcaldesa non podo estar máis agradecida porque sei que supón un paso decisivo na promoción da nosa festa declarada Ben de Interese Turístico Inmaterial e que xa camiña para ser recoñecida pola UNESCO. Non só supón un importante altavoz, senón que nos vincula a un sentir que traspasa fronteiras”.
A alcaldesa e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, felicitaron ás dúas asociacións e destacaron o importante traballo que realizan, “fundamental para manter vivas as tradicións, dinamizar social e economicamente as vilas coas que traballan e promover a cultura”.



