Rexistráronse máis de 3.200 usuarios votando activamente, e acumuláronse máis de 1.200 comentarios
A terceira edición de Pinchotea 2025 pecha cun balance extraordinariamente positivo, consolidándose como unha das iniciativas gastronómicas máis relevantes da comarca e demostrando, unha vez máis, o seu impacto social, cultural e económico no conxunto do comercio local.
Crecemento continuo e participación récord
Cada ano, Pinchotea logra sumar novos establecementos e participantes. Nesta edición de 2025 acadouse un récord absoluto de 20 locais de hostalaría, un incremento que pon de manifesto o interese crecente do sector e o potencial que a iniciativa ofrece como ferramenta de dinamización comercial.
Este aumento reflíctese tamén na participación do público, favorecida pola ampliación do horario en varios establecementos. Nalgúns casos, rexistráronse máis de 1.200 pinchos vendidos por local, unha cifra que supera amplamente a das edicións anteriores.
Calidade gastronómica en ascenso
O concelleiro de Comercio, Ricardo González, comenta que un dos aspectos máis salientables desta edición foi “o evidente salto cualitativo na elaboración dos pinchos. Ano tras ano, o nivel creativo, técnico e de presentación continúa ascendendo, e nesta terceira edición alcanzouse unha excelencia destacada polos propios profesionais”.
Para a valoración oficial, contouse cun xurado composto por tres expertos gastronómicos: dous da EFA Cancela e un da Escola Superior de Hostalaría de Galicia, quen degustaron e analizaron todas as creacións presentadas. O xurado coincidiu en subliñar o “notable progreso na elaboración e no emplatado”, un indicador claro de profesionalidade e competitividade saudable entre os locais participantes.
Impacto económico nun mes de baixa actividade
Pinchotea demostrou, unha vez máis, a súa capacidade para revitalizar a economía local nun mes tradicionalmente marcado pola baixa actividade comercial. Grazas ao fluxo continuo de visitantes e ao consumo xerado durante os días do concurso, estímase que se acadou unha facturación conxunta próxima aos 40.000 euros, un impulso fundamental para o sector hostaleiro e para negocios asociados de maneira indirecta (proveedores, comercio minorista, servizos, etc.).
Moitos establecementos esgotaron existencias xa na primeira e segunda semana, un sinal claro da forte afluencia de público e do interese xerado arredor da iniciativa.
Participación cidadá e éxito do voto popular
A implicación do público tamén experimentou un crecemento significativo. A través dos códigos QR, rexistráronse máis de 3.200 usuarios votando activamente, e acumuláronse máis de 1.200 comentarios , testemuño directo da experiencia vivida polos visitantes e da súa valoración positiva do evento.
Este sistema de participación aberto contribúe non só á transparencia na elección popular, senón tamén a recompilar un valioso feedback para seguir mellorando nas próximas edicións, segundo explica o edil de Comercio.
Un evento que suma e impulsa ao futuro
Ricardo Gonzalez adianta que a primeira semana de decembro celebrarase a gala final, na que se dará a coñecer o local gañador da edición 2025 e realizarase o sorteo de agasallos entre todas as persoas que completaron o pasaporte cun mínimo de cinco selos.
Pinchotea reafírmase como unha iniciativa que fortalece o tecido comercial, promove a cooperación entre negocios, atrae visitantes e xera movemento económico en diferentes capas da comunidade. “Estas accións colectivas non só dinamizan a hostalaría, senón que tamén benefician de maneira indirecta a outros sectores locais, contribuíndo a unha economía máis viva e sostible”, traslada a alcaldesa Nava Castro quen, ademais, anima a todos os locais que aínda non participan a sumarse nas vindeiras edicións e a aproveitar unha plataforma que combina promoción, visibilidade, incremento de clientes e unha oportunidade única para innovar e destacar.

