HomePontevedraO CondadoPonteareas, primeiro concello da provincia de Pontevedra e un dos primeiros de...

Ponteareas, primeiro concello da provincia de Pontevedra e un dos primeiros de Galicia en aprobar definitivamente o Orzamento Municipal 2026

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia a aprobación definitiva do Orzamento Municipal para o ano 2026, converténdose así no primeiro concello da provincia de Pontevedra e nun dos primeiros de toda Galicia en contar cun documento económico aprobado para o próximo exercicio. Este avance anticipado permite que o municipio inicie o ano co orzamento operativo desde o 1 de xaneiro, garantindo axilidade administrativa, estabilidade financeira e a inmediata posta en marcha de novas actuacións.

O Orzamento 2026 ascende a 22.518.408,54 euros, a cifra máis elevada da historia de Ponteareas, e representa un incremento de 1.945.238 euros, o que supón un 9,45% máis respecto ao exercicio de 2025. A capacidade de presentar un orzamento expansivo e equilibrado é froito da recuperación económica lograda nos últimos anos, que permitiu superar o remanente negativo de tesourería de –2 millóns de euros herdado do anterior goberno.

Un dos piares fundamentais deste orzamento é a consolidación da estabilidade financeira. A amortización da débeda sitúase por debaixo dos 600.000 euros anuais, o que supón unha redución do 5% respecto a exercicios previos, no marco dunha baixada acumulada da débeda municipal que xa acada os 3,5 millóns de euros. Este alivio financeiro libera recursos para destinarlos a investimentos e servizos esenciais.

O documento económico de 2026 marca un avance histórico no ámbito do saneamento e abastecemento. Por primeira vez incorpórase unha partida anual de 500.000 euros destinada ao novo contrato do ciclo integral da auga, que permitirá estender a rede de saneamento ás 24 parroquias. A licitación deste servizo, cunha duración prevista de 25 anos, ascenderá a un investimento estimado de 106 millóns de euros. Ademais, inclúese a primeira anualidade da devolución ao Estado, por importe de 318.395,77 euros, correspondente á ampliación da depuradora e da rede de colectores, así como o pagamento de 283.000 euros para completar a primeira fase das obras de saneamento en Ribadetea. Mantense tamén o servizo de baleirado de fosas sépticas con 100.000 euros e as achegas ás traídas de auga con 70.000 euros.

Os servizos públicos esenciais experimentan igualmente unha mellora substancial. O novo contrato de recollida do lixo e limpeza viaria ascende a 2.183.936 euros anuais, o que supón un incremento duns 1 millóns de euros sobre o contrato anterior, sen que isto implique ningunha suba da taxa do lixo para a veciñanza. Grazas á mellora da recollida da fracción orgánica, a factura de SOGAMA redúcese en 12,5%, situándose nos 700.000 euros. O servizo de desbroces reforzase de maneira moi notable, pasando dos 40.000 euros actuais aos 170.000 euros, un incremento do 325%. No ámbito do alumeado público e da enerxía eléctrica, o novo contrato permitirá un aforro de 62.950 euros, o que supón unha redución do 7,5% respecto ao ano anterior.

O compromiso social é outro dos eixos centrais deste orzamento. A atención temperá consolídase cun investimento anual superior aos 130.000 euros, garantindo servizos de pedagoxía, logopedia, mestre e terapia ocupacional. As axudas de emerxencia social increméntanse ata os 116.000 euros, tras a modificación da ordenanza que permite ampliar a súa cobertura. O convenio coa Cruz Vermella elévase aos 70.000 euros, un 74% máis, para incorporar un proxecto pioneiro de dixitalización destinado a 100 fogares de persoas maiores que viven soas. O Servizo de Axuda no Fogar mantén unha dotación de 1.870.200 euros, garantindo a atención ás persoas dependentes de grao II e III. Ademais, ponse en marcha o novo servizo “café-calor”, destinado a ofrecer atención básica, hixiene e alimentación ás persoas sen fogar.

O investimento en educación, cultura e deporte mantén tamén un protagonismo relevante. A nova escola infantil municipal, que entrará en funcionamento no 2026, aumentará a súa capacidade en un 25%, ata acadar as 100 prazas. A ludoteca municipal abrirá tamén as súas portas tras a finalización das obras. As actividades formativas reforzanse cun novo convenio coa UNED dotado con 40.000 euros, mentres que se manteñen as axudas escolares por un importe de 20.000 euros. A cultura continúa a ser un motor fundamental para o Concello, cun investimento global de 1 millón de euros, incluíndo convenios con bandas de música, a Fundación Roxelio Groba e a Asociación de Alfombristas, así como os 40.000 euros destinados ás casas culturais. No ámbito deportivo, mantéñense os 200.000 euros en axudas aos clubs e un investimento total superior aos 400.000 euros.

A modernización administrativa tamén avanza con decisión. Destínanse 65.000 euros para a mellora da administración electrónica, créase un fondo de 149.639,50 euros para posibles incrementos salariais e increméntase ata 400.000 euros o importe destinado ao ORAL, un 14% máis, debido ao aumento da recadación delegada. Ademais, resérvanse 12.000 euros para impulsar a captación de novos fondos europeos e inclúese unha partida específica para avanzar na nova valoración da Relación de Postos de Traballo.

O Goberno municipal subliña que ser o primeiro concello da provincia de Pontevedra en aprobar definitivamente o Orzamento 2026 é “un sinal inequívoco de responsabilidade, planificación e boa xestión pública”. Engade que este orzamento “representa un antes e un despois na modernización de Ponteareas, reforza os servizos públicos, impulsa o benestar social, acelera os investimentos e garante a estabilidade que necesita o Concello para seguir avanzando”.

Con este orzamento aprobado, Ponteareas consolídase como un concello dinámico, solvente e con visión de futuro, preparado para responder ás necesidades da súa veciñanza e afrontar con garantías os retos dos próximos anos.

Publicacións Relacionadas