Dolores Alonso Fernández, Ana María Barco Farrapeira, María Carrera Otero, María Pilar Gómez Rodríguez, María del Carmen de Grado Díez, María Teresa Isla Avión, María Porto González e Teresa Rodríguez Méndez foron as protagonistas do acto “Mulleres que contan”, organizado polo Concello de Ponteareas para recoñecer a súa contribución cultural, económica e social á vida da vila.
O evento, celebrado onte e cunha gran asistencia de público, converteuse nun espazo de recoñecemento e agradecemento ás traxectorias destas oito mulleres, referentes polo seu compromiso e pola súa pegada na comunidade.
A concelleira de Igualdade, Raquel Plana, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, foron as encargadas de recibir ás homenaxeadas no escenario e facerlles entrega dun agasallo conmemorativo en nome de toda a veciñanza.
Durante o acto, a concelleira de Igualdade destacou que “estas mulleres representan o esforzo, a dedicación e a capacidade de transformar a sociedade desde diferentes ámbitos da vida cotiá”. Plana subliñou tamén a importancia de visibilizar referentes femininos locais que contribúen ao desenvolvemento social e cultural de Ponteareas.
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, agradeceu ás homenaxeadas o seu exemplo e a súa traxectoria, salientando que “cada unha delas, desde o seu ámbito, foron referentes e contribuiron a facer de Ponteareas unha vila máis activa, máis solidaria e máis comprometida”.
No marco do acto tamén se quixo recoñecer de maneira especial ao colectivo Mulleres da Carreira de Guláns, polo seu papel na dinamización social e comunitaria. As integrantes homenaxeadas foron: Peregrina Boente Prego, María del Carmen Domínguez Prego, Victoria Groba Carrera, Carmen Groba González, Carmen Groba Groba, Carmen Otero Porto, Nilda Piñeiro Groba, Celia Porto Lorenzo, Rosalía Porto Porto, Olivia Prego Domínguez, Lina Presa González, María del Carmen Represas Giraldez e Carmen Vidal Groba.
O Concello destacou durante o acto o valor do traballo colectivo e da memoria compartida, recoñecendo a estas mulleres como parte fundamental da historia social e cultural do municipio.
Con iniciativas como “Mulleres que contan”, o Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso coa igualdade e coa visibilización do papel das mulleres na construción da sociedade, poñendo en valor as súas historias, esforzos e contribucións ao desenvolvemento da vila.



