• Coa declaración de área REXURBE poderanse obter apoios económicos e executar accións de mellora de infraestruturas básicas e alugueiro social
• Este ámbito abrangue un total de 307 edificios e 827 vivendas
O pleno da Corporación de Ponteareas aprobou por unanimidade en pleno ordinario solicitar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a declaración de Área de Rexeneración Urbana de Interese Autonómico (REXURBE) para 177.684 m2 do centro urbano na procura de revitalizar zonas que foron esquecidas ou que sufriron un notable deterioro co paso do tempo. Esta declaración abrangue un total de 307 edificios con 827 vivendas, englobando tamén o percorrido das alfombras de Corpus Christi, festa declarada Ben de Interese Cultural (BIC).
A proposta do grupo de goberno exposta pola concelleira de Urbanismo, Silvia F. Táboas, responde a unha necesidade urxente de devolverlle a vida a barrios que noutros tempos foron prósperos e dinámicos e que hoxe se enfrontan a problemas significativos de degradación dos edificios, de falta de infraestruturas modernas e de escaseza de servizos básicos.
Coa declaración de área REXURBE o Concello poderá obter apoios económicos e executar accións de mellora de infraestruturas básicas, incluíndo redes de auga, electricidade, e comunicacións; rehabilitación de edificios históricos e vivendas, respectando o seu valor patrimonial e cultural; fomentar a creación de novos negocios e apoiar aos emprendedores locais, xerando emprego e riqueza na zona e mellorar espazos públicos e áreas verdes, proporcionando aos cidadáns lugares de recreo e convivencia.
O programa Rexurbe, da Xunta de Galicia intervén na recuperación de cascos históricos de diferentes vilas e cidades galega e posibilita que o Instituto Galego de Vivenda e Solo poida comprar inmobles deteriorados ou en estado de abandono co obxectivo de recuperalos e destinalos despois a alugueiro social facilitando que toda a cidadanía, independentemente da súa situación socioeconómica, poida beneficiarse das melloras e desfrutar dunha calidade de vida digna.
A alcaldesa, Nava Castro, sinala que “a declaración REXURBE non é simplemente unha intervención urbanística, é unha aposta polo futuro, un compromiso coa historia e a identidade do noso municipio. Revitalizar estes espazos significa tamén recuperar a nosa memoria colectiva e ofrecer aos nosos cidadáns unha contorna digna e chea de oportunidades”.
“Recibir os apoios do REXURBE supón recuperar patrimonio e unha aposta pola sustentabilidade promovendo un desenvolvemento máis verde e eficiente e inclusivo ao actuar nos barrios máis vulnerables”, traslada a edil de Urbanismo.

