O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, avanza que haberá “sorpresas” e novidades no alumeado, que incluirá figuras tridimensionais e cobertura en toda a cidade e barrios.
O Concello de Pontevedra confirmou hoxe que a tempada de Nadal comezará oficialmente na cidade o vindeiro 5 de decembro, coincidindo co acendido das luces de Nadal. Os traballos para a colocación do alumeado festivo xa están en marcha por toda a cidade dende onte pola tarde.
O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez explicou que “os veciños e veciñas de Pontevedra seguro que xa se fixaron que estamos colocando o alumeado de Nadal porque as datas xa están aí, pegadiñas, e non queda nada para esta época tan bonita”. Tamén subliñou o esforzo que se está realizando dende o
Departamento de Festas para preparar a cidade a tempo. “Estamos traballando a tope para poder ascender o alumeado e que as festas do Nadal poidan comezar o vindeiro 5 de decembro, como é tradicional o primeiro día da ponte”.
Ademais da confirmación da data, o concelleiro de Festas sinalou que haberá novidades no deseño deste ano, que buscará expandir a imaxe festiva a todas as zonas da cidade. O alumeado de Nadal incluirá novas figuras tridimensionais de luces co obxectivo de incrementar o atractivo visual.
Demetrio Gómez adiantou que o programa completo darase a coñecer nas vindeiras datas.

