Avenida de Vigo, Campolongo, Joaquín Costa, A Parda ou Monte Porreiro son algúns dos primeiros barrios escollidos para a instalación do novo colector de aceite.
O despregamento continuará a diante nas vindeiras semanas até completar 32 unidades tanto no ámbito urbano como no rural.
Até o de agora as Mulleres colleiteiras recolleron 748,5 kilos entre o Mercado de Abastos e o depósito instalado na parroquia de Lérez.
O Concello de Pontevedra dá un paso adiante no novo modelo de xestión de residuos co inicio da instalación dos oito primeiros colectores de recollida de aceite doméstico usado no ámbito urbano. Esta implantación forma parte da renovación integral dos servizos de xestión de residuos e prevé a colocación dun total de 32 unidades entre o núcleo urbano e as parroquias.
Os oito primeiros colectores que se instalaron foron definidos para as illas de contedores en localizacións estratéxicas da cidade:
- A Parda: Virxinia Pereira Renda 8.
- Eduardo Pondal: Illa de contedores máis próxima a Uxío Novoneira.
- O Gorgullón: Praza de Ponte Boleira.
- Campolongo: María Victoria Moreno 7. (fronte ao edificio da Xunta)
- Lérez: Médico Ballina 15.
- Joaquín Costa: Na intersección con José Casal (edificio Telefónica).
- Monte porreiro: Rúa Alemaña 32.
- Avenida de Vigo: Avenida de Vigo 55 (pasado o Mercadona).
Estes novos puntos de recollida complementan os dous contedores xa instalados previamente no Mercado de Abastos, e aos xa instalados nas parroquias do rural: Lérez, Campañó, Cerponzóns, Alba, Mourente, Salcedo, Lourizán, Marcón, Tomeza e Bora.
O servizo de xestión e recollida do aceite está a cargo da cooperativa de traballo social Mulleres Colleiteiras, que asinou un convenio de colaboración coa empresa concesionaria PreZero. Estímase que a cooperativa realizará rutas de baleirado semanalmente en Pontevedra.
Mulleres Colleiteiras xera emprego para persoas vulnerables ou en exclusión social. O 99% do cadro de persoal está composto por mulleres xitanas que foron formadas especificamente para este tipo de traballo medioambiental. A cooperativa, que conta con oito persoas en cadro, agarda xerar máis emprego grazas a este novo contrato.
O Concello subliña a importancia da colaboración cidadá baixo o paraugas da campaña municipal “Responsábeis”. O procedemento de reciclaxe é moi sinxelo:
- O aceite usado debe depositarse en botellas de plástico usadas de 1 ou 2 litros.
- As botellas deben pecharse antes de depositalas.
- Deposítanse no colector específico.
Para facilitar a correcta reciclaxe, faranse difusións e regalaranse funís á veciñanza. O aceite recollido por Mulleres Colleiteiras é tratado e revalorizado, converténdose en combustible renovable (biodiésel).
Até o de agora os 18 colectores instalados en todo o Concello recolleron 748,5 kilos de aceite doméstico.
Dende o pasado 6 de outubro as Mulleres Colleiteiras recolleron 597 kilos no Mercado de Abastos e xa foi necesario baleirar o depósito da parroquia de Lérez onde recolleron 151,5 kilos.
Contrato de xestión de residuos
A posta en marcha da recollida de aceite enmárcase no continuo despregamento do novo contrato de xestión de residuos. O despregamento de colectores segue a bo ritmo na cidade:
- Colectores Azuis (Papel e Cartón): Xa están todos despregados, sumando 498 unidades na rúa.
- Colectores Amarelos (Envases Lixeiros): Están practicamente completados na zona urbana e comézase a cubrir a totalidade da zona rural cos 498 colectores correspondentes.
- Colectores Grises (Fracción Resto): Serán os seguintes en colocarse, substituíndo o colector verde anterior.
Adicionalmente, estanse a impulsar outras melloras significativas: - Compostaxe comunitaria: O Concello avanza coa ambición de incrementar os centros existentes de 31 a un total de 100. Xa se anunciaron 12 novas localizacións para centros comunitarios, cuxa construción comezará en breve en barrios como Tafisa, Valdecorvos, Mollavao e Ponte Muíños, entre outros.
- Compostaxe individual no rural: O modelo implica que a compostaxe individual pasa a ser obrigatoria nas parroquias, e a súa implementación será progresiva mediante campañas informativas e reparto de composteiros.
- Limpeza viaria: Xa se puxo en marcha a primeira remesa da nova frota de maquinaria de última xeración de limpeza viaria, e estanse a realizar limpezas integrais en distintos barrios da cidade.
Todas estas accións buscan reforzar a concienciación e a participación cidadá na xestión máis eficiente, moderna e sostible dos residuos.



