Pontevedra estrea cargador de móbiles que funciona coa enerxía hidráulica da tubaxe de auga potábel da cidade

adminON
Lectura mínima de 2

O concelleiro Xaquín Moreda achegouse esta mañá a ver o novo aparello que está colocado na praza de  Barcelos e permite cargar varios móbiles simultaneamente.  

Funciona cunha picoturbina que aproveita a enerxía hidráulica para transformala en enerxía eléctrica. 

O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda comprobou esta mañá o funcionamento do  cargador de móbiles e doutros aparellos electrónicos instalado na praza de Barcelos. En compañía do  responsable da empresa Viaqua na cidade, Camisiro González, o concelleiro explicou que este novo aparello  funciona con enerxía 100% renovable grazas á forza da auga canalizada.  

A instalación deste cargador correu a cargo da empresa Viaqua xa que é unha mellora incluída no contrato  de xestión do abastecemento municipal. Logo de estudar distintos lugares, acordouse a colocación en  Barcelos porque tiña as condicións que requiría para o seu funcionamento.  

O concelleiro Xaquín Moreda explicou que se trata « dunha proposta innovadora, autosuficiente, con enerxía  100% renovable e que vai contribuír a sensibilización ambiental da cidadanía. Vai incorporar conceptos como  son as enerxías renovables, a redución de emisións de CO2, a eficiencia enerxética ou aproveitamento  eficiente dos nosos recursos ».  

Trátase dun elemento que ten unha peana de aceiro inoxidable, con tres soportes para colocar os cargadores  e dun deles é adaptado para persoas con discapacidade. Dispón dun cabeceiro personalizado e funciona  cunha picoturbina que está á vista no chan da praza, para aproveitar a enerxía hidráulica da rede e producir  enerxía eléctrica que permite cargar os móbiles. 

Comparte este artigo