• Grazas a este acordo, poderán acometer as súas sesións de preparación facendo uso das instalacións situadas na Seca de luns a venres, en horario de mañá
• O alcalde, Luciano Sobral, e a edil de Deportes, Marga Caldas (BNG), garanten que desde a Administración municipal se continuará apoiando ao tecido deportivo e aos e ás deportistas de primeiro nivel do concello, a través de diferentes iniciativas, liñas de subvencións e patrocinios, poñendo “os recursos que estean na nosa man para axudarlles a que se manteñan sendo referentes nas súas categorías e disciplinas”
O Concello de Poio vén de impulsar un convenio colaborador pensado para os e as deportistas de elite do municipio, referentes polo seu currículum nas disciplinas e categorías nas que compiten, a través do cal se lles ofrecerá a posibilidade de utilizar de xeito gratuíto as instalacións do ximnasio municipal, situadas no lugar da Seca, na parroquia de San Xoán. Precisamente, o alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), recibiron este venres a algúns e algunhas destas deportistas, que xa asinaron este acordo, como son as regatistas Paula, Miram e Paloma González, a atleta Carolina Santos ou a xogadora de kayak-polo Lorena Nieto.
Tal e como explica a titular de Deportes, “tanto o Concello como estas e estes deportistas teñen obxectivos en común. Entendemos que esta é unha fórmula que axuda a fomentar a actividade deportiva no municipio, algo que para nós é un obxectivo básico, porque entendemos que o deporte é saúde”. Deste xeito, os e as deportistas de primeiro nivel que asinen este convenio terán a posibilidade de facer uso do ximnasio de luns a venres, en horario de mañá. “Contamos cunhas instalacións que foron renovadas recentemente e que contan con novos aparellos, de xeito que todas estas e estes deportistas poderán adestrar nas mellores condicións”, garante Marga Caldas. O convenio poderase prorrogar de xeito automático por períodos anuais.
Tanto o alcalde Sobral como a propia concelleira de Deportes teñen claro que “todas e todos eles son referentes nas súas disciplinas e categorías, como o demostran as súas traxectorias. Estamos a falar de deportistas que contan con títulos a nivel nacional e internacional e que compaxinan a súa actividade coa súa vida laboral ou con estudos, polo que o mérito é aínda máis grande se cabe”. Os dirixentes municipais sinalan que “son grandes embaixadores e embaixadoras do noso municipio máis alá das nosas fronteiras” e garanten que o Concello continuará mantendo a súa colaboración, ben sexa a través deste tipo de iniciativas ou de liñas de axudas e patrocinios que actualmente xa están vixentes. “Temos que axudar a sufragar as súas carreiras poñendo á súa disposición todos os recursos que estean na nosa man”, conclúe Marga Caldas.



