HomePontevedraPonte CaldelasO BNG esixe ao alcalde de Ponte Caldelas solucións á débeda da...

O BNG esixe ao alcalde de Ponte Caldelas solucións á débeda da auga que garantan o mantemento das empresas e todos os postos de traballo no polígono da Reigosa

- Anuncio -spot_img

A voceira Sol Seoane destaca que Díaz debe mellorar a súa “pésima xestión” ante o posible corte da subministración ao parque

O BNG de Ponte Caldelas esixiu ao alcalde Andrés Díaz solucións efectivas á débeda da auga que garantan a continuidade das empresas e o mantemento da totalidade dos postos de traballo no polígono da Reigosa. “Precisamos medidas efectivas e urxentes”, asegurou a voceira Sol Seoane, quen amosou a súa preocupación pola situación ante a pésima xestión realizada ata o de agora polo rexedor e o inminente vencemento do prazo para facer fronte á débeda. “Hai moitos postos de traballo en xogo”, advirte.

A portavoz do Bloque confirmou que reclamará este xoves no Pleno explicacións sobre os avances dados polo goberno municipal para pagar as cotas acumuladas xa que segue vixente o aviso do inminente corte da auga ao parque empresarial. Así mesmo, as nacionalistas presionarán ao alcalde para aclarar se as empresas se beneficiarán dalgunha rebaixa nas súas cotas de subministro se finalmente se logran melloras no convenio con Pontevedra.

Seoane subliñou a preocupación do BNG pola situación e lembrou que no parque empresarial traballan firmas moi destacadas como Setga, Aludec, Orbe, Arnoia e Cristal Pontevedresa, entre moitas outras que, sen auga, non poderán operar.


O BNG insta o alcalde a presentar un plan claro e salvar así a actividade empresarial. “É fundamental que se actúe de inmediato; non podemos permitir que a falta de xestión hipoteque o futuro do municipio e o sustento e o benestar de toda a xente que aquí traballa”, concluíu Seoane.

As nacionalistas subliñan que ata o de agora o alcalde destacou pola súa “pésima xestión” no relativo á negociación do prezo pola auga. Insisten na total falta de acción que permitiu que a situación se deteriorase nos últimos catro anos ata acumular máis dun millón de euros de débeda. “Díaz non reaccionou ata que chegou ao punto crítico de recibir un aviso público”, afirma Seoane.

A portavoz do BNG lembra que o convenio de abastecemento de auga co Concello de Pontevedra caducou fai catro anos, sendo responsabilidade de Díaz negociar un novo acordo antes de chegar a este extremo. “É incomprensible que, durante todo este tempo, non se fixo ningún esforzo para regularizar a situación e buscar mellores condicións. A única decisión do alcalde foi deixar de pagar o canon establecido, o que nos levou a esta acumulación de débeda monumental”, agregou.

A presión do BNG para chegar a solucións súmase ao crecente malestar entre as empresas do polígono, que requiren respostas rápidas fronte a unha situación que pode ameazar a súa viabilidade económica.

Publicacións Relacionadas