O Concello denuncia a falla de sinalización das súas parroquias e recorre á creatividade e ao humor para visibilizar o seu patrimonio cultural e histórico
O Concello de Vilaboa vén de dar un novo paso na defensa da súa identidade e na reivindicación da súa visibilidade dentro da área metropolitana de Vigo e Pontevedra. Con moito sentido do humor e unha boa dose de creatividade, o goberno local promoveu a creación dun mural nunha das rotondas da A-57, concretamente a de acceso á AP-9, que pretende chamar a atención sobre a carencia dunha sinalización axeitada das diferentes parroquias do municipio.
As artistas encargadas da intervención transformaron unhas simples chapas metálicas nunha auténtica seña de identidade colectiva. O mural non só indica como chegar ata Cobres, Vilaboa ou Paredes, senón que encerra un gran simbolismo que conecta directamente coa historia, a cultura e o patrimonio da localidade. Escolléronse as cores corporativas do Concello, con diferentes tonalidades de azul que evocan tanto a ría como o ceo aberto de Vilaboa, e incorporáronse elementos que representan o sombreiro característico das madamas e galáns do Entroido de Cobres, a mámoa do Rei como testemuña da antigüidade e da memoria histórica do territorio, e as Salinas de Ulló como espazo natural e patrimonial emblemático que lembra a importancia da actividade económica tradicional vinculada ao mar.
O mural, ademais de ser unha obra artística, é unha mensaxe reivindicativa. Cun ton desenfadado e humorístico, busca visibilizar unha problemática que afecta directamente á veciñanza: a falta dunha sinalización clara e adecuada das parroquias de Vilaboa. O goberno local lembra que a construción da A-57 supuxo un gran esquecemento para o municipio, que quedou sen unha correcta sinalización e que ve dificultada tanto a chegada de visitantes como a mobilidade interna da propia cidadanía.
A alcaldía de Vilaboa subliña que este mural é unha chamada de atención pero tamén unha celebración da identidade local. Preténdese que quen circule por esta rotonda saiba que aquí hai un concello vivo, con cultura, con historia e con futuro, e que a falta de sinalización perxudica a unha comunidade que se esforza por manter e difundir o seu patrimonio material e inmaterial.
A iniciativa contou coa colaboración de persoas creativas que, cunha visión artística e comprometida, souberon transformar unha reivindicación nunha obra que combina estética e mensaxe. O resultado é un mural chamado a converterse nun referente visual e que invita a quen circula pola rotonda a descubrir Vilaboa e as súas parroquias.
O Concello de Vilaboa insiste en que esta acción non substitúe a necesidade dunha sinalización oficial e adecuada. Por iso reclama ás administracións competentes que dean resposta a unha demanda lexítima da veciñanza e que recoñezan a importancia de dotar ao municipio dunha visibilidade acorde coa súa relevancia cultural, patrimonial e social.



