“Os tres porquiños”, de Educateatro Producións, representarase na Carpa de Nadal da Seca, en Poio, ás 18:00 horas; e “Do, re, mi, Mozart xoga aquí”, de Títeres Cachirulo, na Casa da Cultura de Figueirido, en Vilaboa, ás 20:00 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 20 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello de Poio da man do espectáculo “Os tres porquiños”, a cargo de Educateatro Producións, e ao concello de Vilaboa da man da comedia “Do, re, mi, Mozart xoga aquí”, a cargo de Títeres Cachirulo. Trátanse de dúas actuacións enmarcadas na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Os tres porquiños” representarase ás 18:00 horas na Carpa de Nadal da Seca, en Poio, e trátase dun espectáculo teatral para nenas e nenos a partir de 6 meses con monicreques, teatro, xogos tradicionais e cancións, protagonizado por Bea Campos. Sons, texturas e cores captan a atención da rapazada nunha proposta sinxela e divertida para gozar en familia. O espectáculo conta con dúas partes, unha primeira durante a cal as familias poderán desfrutar da proposta escénica, e unha segunda na que a actriz achegará a escenografía ao público, que poderá ver como están realizados os bonecos, as casiñas e os elementos escenográficos.
Pola súa banda, “Do, re, mi, Mozart xoga aquí” representarase ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Figueirido, en Vilaboa, e propón un espectáculo de marionetas de fío talladas en madeira, que locen os seus elegantes movementos nun retablo barroco. A historia conta como unha invitación do emperador convoca ao neno Mozart a tocar en Palacio, o que esperta a envexa e desconfianza do mestre de cámara que intentará impedir a celebración do concerto. Pero este neno, vivaz e alegre, sedúceo coa súa xenialidade musical, incorporada nos seus xogos e quefaceres cotiáns.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, ata marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.



