A entrega terá lugar este sábado na Casa de Cultura de Riomaior nun acto que contará cunha actuación musical e unha representación teatral
Vilaboa, 8 marzo 2025.- A Casa de Cultura de Riomaior acolle este sábado día 8, ás 19 horas, a entrega do Premio 8M que nesta terceira edición distinguirá a traxectoria de Celia Janeiro Currás, “Celita”, coa que a Concellalía de Igualdade quere homenaxear a todas as mulleres anónimas que co seu quefacer diario facilitaron a incorporación da poboación feminina no rural ao desenvolvemento e dinamización de Vilaboa.
En tempos nos que a alta costura estaba reservada para familias privilexiadas, esta muller de Figueirido fíxose un oco na sociedade pontevedresa. Celia Janeiro pode presumir de ter utilizado fío e agulla con tanto arte e destreza que nunca lle faltou clientela esixente. O seu gusto pola moda levouna a dirixir o que hoxe sería unha academia de corte e confección. Nos tempos de Celita era un taller polo que pasaron centenares de mozas de Vilaboa dispostas a aprender un oficio artesanal que en moitos casos lles facilitou un medio de vida compatible coa conciliación familiar.
Esta muller emprendedora e decidida estivo ao fronte durante anos da súa propia tenda de telas nas Galerías Oliva en Pontevedra, converténdose nun referente no seu momento debido á diversidade de xéneros que traballaba e sobre todo á calidade da materia prima que ofrecía.
“Ir á de Celita”, como ela mesma recoñece, era garantía de contar cun bo traxe pero tamén era un acto social. No seu taller reuníanse mulleres de distintos lugares que, mentres cosían ou se vestían, compartían experiencias, aconsellábanse e dábanse ás nas súas roupas en nas súas vidas.
A homenaxeada nesta edición é unha persoa activa na construción da vida cultural e social de Figueirido. Instigadora nalgúns casos e colaboradora noutros, Celita formou parte do histórico grupo de activistas que participou na loita contra a empacadora e contribuíu na creación do coro de San Andrés de Figueirido e do grupo infantil de baile galego.
Ese espírito inquedo e ese sentido de comunidade continúan hoxe en día a pleno rendemento, xa que a súa constancia favoreceu que toda a veciñanza de Figueirido desfrute das clases de Memoria e Pilates.
O acto comezará coa proxeción dunha vídeoreportaxe sobre a homenaxeada, que a continuación recibirá unha escultura da colección “Muller das Salinas”, que representa unha figura feminina erguida cunha pá para achandar o sal na man, en referencia ao traballo que facían as mulleres nas Salinas de Vilaboa. A súa autora é Irene Silva Xiráldez que creou esta figura exclusivamente para o Premio 8M.
Trala entrega, a tarde continuará con música e teatro. A mestra de guitarra da Escola de Música de Vilaboa Elena Almudena López-Rubio Asensio interpretará tres pezas e a continuación, ás 20 horas, porase en escena a obra Rosalía de Castro, unha actividade organizada pola Asociación Mulleres de Vilaboa en colaboración coa AC das Mulleres do Rural de Soutomaior.