Súmase á APP provincial “Meu Concello” que permite á cidadanía trasladar incidencias ou danos ao Concello desde o teléfono móbil
O Concello de Vilaboa habilita unha canle de Whatsapp para facilitar a comunicación coa veciñanza e facerlle chegar de xeito directo información de interese xeral como avisos, alertas, emerxencias, programación cultural, subvencións, etc. Trátase dunha canle unidireccional, na que os datos de todas as persoas están protexidos xa que non se comparten co resto dos contactos. Para recibir as notificacións municipais as persoas interesadas teñen que enviar unha mensaxe por whatsapp co seu nome, parroquia e a palaba ALTA ao número 680454085.
Esta iniciativa, que se complementa con canles informativas tanto a través de Whatsapp como de Telegram, teñen como obxectivo garantir que toda a veciñanza esté informada da actividade e programación desenvolvida polo Concello. César Poza, alcalde de Vilaboa, confía en que esta aplicación de mensaxería masiva contribúa á difusión de temas de interese. “Whatsapp fíxose un oco tamén entre a poboación de máis idade, á que nos costa máis chegar a través das redes sociais. Un teléfono móbil con estas prestacións está hoxe ao alcance tanto das persoas máis novas como das máis maiores, apunta e recorda que esta nova canle non permite comunicarse co Concello. Para facelo a veciñanza ten a súa disposición o rexistro físico e o teléfono, a sede electrónica ou as redes sociais, que permiten a interacción coa administración.
A estas fórmulas de contacto o Concello engade outra, sumándose á APP provincial “Meu Concello”, que facilita á veciñanza trasladar á administración calquer incidencia en tempo real.
Para poder utilizar este novo servizo é necesario descargar a APP “Meu Concello” desde Google Play ou APP Store, seleccionando logo o concello de Vilaboa cun procedemento rápido e sinxelo. Para comunicar unha incidencia basta con picar sobre o botón e a APP detecta as coordenadas exactas nas que se sitúa o dano, permitindo anexar foto. Persoal do Concello recibe directamente a incidencia e a aplicación facilita facer seguimento do estado da mesma ata a súa resolución.
“Poñemos as novas tecnoloxías ao servizo da veciñanza. Esta aplicación mellorará a interacción da veciñanza co Concello, xa que desde o móbil nos poden trasladar calquera incidencia puntual na súa zona”, explica César Poza que anima á veciñanza tanto a utilizar esta APP como a aproveitar as novas canles de comunicación habilitadas polo Concello pensadas “para favorecer a transparencia e a máxima difusión de todas as actividades que se organizan en Vilaboa”.