A xornada reunirá representantes municipais e especialistas para abordar os retos da renaturalización urbana en Galicia.
Un punto de encontro para compartir experiencias e solucións baseadas na natureza que promoven cidades máis verdes e sostibles
O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecoógica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
O proxecto RedeVerde Pontevedra continúa avanzando na súa aposta pola sustentabilidade e a recuperación da natureza na cidade coa celebración da Xornada Medioambiental “A renaturalización urbana: o reto de lograr cidades máis amables e vivibles”, que terá lugar o martes 19 de novembro, de 9:00 a 13:00 horas, na Casa das Campás.
A sesión reunirá a representantes institucionais, profesionais do urbanismo e expertos en sustentabilidade para debater sobre o papel da renaturalización urbana como ferramenta clave na mellora da calidade de vida, a adaptación ao cambio climático e a creación de contornas máis verdes, humanas e resilientes.
A apertura correrá a cargo do concelleiro de Medio Ambiente de Pontevedra, Xaquín Moreda González, e do xerente da área de Sustentabilidade e Transición Verde de EOSA, Luis Touriño Guerra.
A continuación, o arquitecto Valerio González Somoza, socio de EidoArquitectura e TEC Arquitectos, ofrecerá a palestra “A cidade como ecosistema. Beneficios da renaturalización urbana”.
Seguiralle Federica Risi, responsable de Políticas e Proxectos da European Urban Knowledge Network (EUKN), coa charla “Solucións baseadas na natureza. Estratexias para cidades resilientes. Casos de éxito internacionais”, que permitirá coñecer experiencias europeas de referencia.
A primeira mesa de diálogo, titulada “Cidades que respiran: o camiño da renaturalización urbana”, abrirá un espazo de intercambio sobre o papel das administracións locais na creación de cidades máis verdes.
Na segunda parte da xornada abordarase o bloque “Renaturalizando as cidades galegas: os casos de Arteixo, Santiago e A Coruña”, no que participarán representantes destes tres concellos para compartir as súas experiencias en materia de sustentabilidade urbana. José Manuel Caamaño Varela, concelleiro de Obras do Concello de Arteixo, presentará o proxecto Londra, centrado na restauración de ecosistemas fluviais e na redución do risco de inundacións. Pola súa parte, Xesús Manuel Domínguez Domínguez, concelleiro de Sustentabilidade Ambiental do Concello de Santiago de Compostela, exporá o proceso de restauración de Pontepedriña como primeiro barrio verde da cidade. Finalmente, Noemí Díaz Vázquez, concelleira de Mobilidade e Infraestruturas do Concello da Coruña, dará a coñecer o proxecto Coruña Verdea, destinado a renaturalizar os barrios máis densos e grises da cidade herculina.
A xornada clausurarase ás 13:00 horas coa intervención do concelleiro de Medio Ambiente, Xaquín Moreda González, quen porá en valor o compromiso de Pontevedra coa sustentabilidade urbana e co modelo de cidade que inspira o proxecto RedeVerde.
Este encontro servirá tamén como espazo de diálogo e intercambio de coñecementos, promovendo a cooperación entre administracións locais, profesionais do territorio e o tecido técnico e ambiental galego.
A participación é gratuita, mais é necesaria inscrición previa a través do seguinte formulario: https:// docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfb9QuKPovgCH2fFhlMW8ILlGOj4v7fnlqnrb0nuB7kU9KD1w/viewform
O proxecto é promovido polo Concello de Pontevedra, apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU e coa colaboración da Universidade da Coruña como entidade agregada.



