“Pagamos 470 M€ máis simplemente porque o Partido Popular quixo favorecer a grandes construtoras coas que ten claros vínculos”, reproba
Recortaron en camas, quirófanos e salas de radioloxía e suprimiron os pavillóns de investigación, docencia e o hotel de pacientes, denuncia
A portavoz nacional, Ana Pontón, apuntou en Vigo como principal conclusión da comisión de investigación que o BNG presentará no seu voto particular en relación á construción privatizada do Álvaro Cunqueiro que o sobrecusto de 470 millóns do hospital responde a “unha decisión política do PP” para “favorecer o negocio privado a costa do público”.
“Pagamos 470 millóns de euros máis simplemente porque o Partido Popular quixo favorecer a grandes construtoras con claros vínculos co PP e quixo converter o hospital de Vigo no seu banco de probas da privatización da sanidade pública desde o minuto cero do Goberno de Feijóo como presidente”, afirmou na cidade olívica, onde presentou as conclusións que extrae o BNG da comisión parlamentaria de investigación sobre o sobrecusto do Álvaro Cunqueiro e os chanchullos na contratación pública da Xunta.
A líder nacionalista advertiu que o obxectivo do PP nunca foi darlle a Vigo a mellor sanidade pública posible, senón “facilitar que a sanidade privada, singularmente Povisa, seguise facendo negocio coa saúde dos vigueses e das viguesas” e “facilitarlle o negocio a grandes construtoras que teñen vínculos co PP”. “Así de duro para todas as persoas usuarias da área sanitaria de Vigo, pero tamén así de claro e así de realista”, sintetizou.
Pontón resumiu as conclusións que o BNG inclúe no voto particular que vai presentar na comisión de investigación e entre as que destacou que, pese á soflamas do PP, o Álvaro Cunqueiro nunca foi a maior obra sanitaria de España dado que, ademais da redución do 25% da superficie prevista, suprimíronse equipamentos tan importantes como os pavillóns de investigación, docencia e o hotel de pacientes.
Neste sentido, criticou os recortes en camas (das 1.465 previstas no plan funcional a 845), quirófanos (de 35 a 24) e salas de radioloxía (de 62 a 32), recortazos definidos pola empresa unipersoal Efficientia Clinical, contratada pola Consellería de Sanidade e financiada pola propia concesionaria para redactar o proxecto definitivo do hospital, denunciou, “acorde cos seus intereses”.
Unha empresa, por certo, da que é titular Ana Sánchez, quen desempeñou anteriormente importantes cargos de responsabilidade nas administracións sanitarias do PP, como por exemplo, a dirección do hospital Meixoeiro, o que evidencia unha vez máis, destacou, “como funcionan as portas xiratorias do Partido Popular”.
A portavoz nacionalista tamén subliñou que na comisión quedou acreditado que o goberno do BNG e o Partido Socialista tivo entre os anos 2005 e 2009 a “firme vontade” de construír un hospital 100% público na área sanitaria de Vigo, para o que xa tiña aprobado un plan económico e financeiro a través da Sociedade Pública de Investimentos, co correspondente informe asinado en marzo de 2009.
Empresas beneficiadas vinculadas co PP
Foi a chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta quen cambiou esta folla de ruta, afondou, cun Goberno do PP que “por primeira vez na historia de Galiza” dá entrada ao capital privado na construción e na xestión hospitalaria pública do País, adxudicando a concesión do hospital vigués a “empresas relacionadas co Partido Popular”.
Tal é o caso de Puentes y Calzadas, construtora da que é accionista Tomás Pérez Vidal, conselleiro en diferentes gobernos de Manuel Fraga, ou da que era directivo Agustín Fernández, quen tamén foi conselleiro no Executivo do PP. Pontón tamén recordou que o actual alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, foi propietario dunha das empresas subcontratadas na construción do hospital; que Bankia, entidade presidida nese momento por o ex ministro Rodrigo Rato, foi a que financiou a UTE concesionaria do Álvaro Cunqueiro, e que o tamén ex ministro Luís de Guindos era un alto directivo de Price Waterhouse Coopers, firma que cos seus informes xustificou en boa medida as adxudicacións do novo hospital.
O BNG tamén constatou na comisión que a concesionaria non tiña solvencia financeira e que, na vez de esixir garantías nun investimento millonario, o Goberno do PP buscoulle financiamento xestionando un crédito do Banco Europeo de Investimentos no que a Xunta, e non a concesionaria, asumiu todo o risco.
De igual xeito, Pontón apuntou ás “enormes irregularidades” cometidas ao longo de todo o proceso de contratación que tamén quedaron acreditadas na comisión de investigación, como o feito de que se reducira a dimensión do proxecto sen que o Executivo do PP esixira á concesionaria unha redución no prezo do hospital. “A pesar de que constatamos na comisión que había informes feitos por técnicos da propia Administración que dicía que durante este proceso lle tiñan que ter reclamado unha redución de 30 millóns de euros polas reducións de espazo”, afondou.
Por último, a portavoz do BNG tamén considerou acreditado que, na contra do que o PP tentou vender, a fórmula empregada para a construción do Álvaro Cunqueiro era a única opción posible e a máis beneficiosa.
“A decisión que tomou o Partido Popular foi unha decisión política, acorde coa súa ideoloxía neoliberal de converter os servizos públicos en nichos de negocio para as multinacionais”, advertiu nunha comparecencia na que estivo acompañada da portavoz parlamentaria de Sanidade e integrante da comisión de investigación, Montse Prado, e do portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas.
“Nin era a única opción, nin era a opción máis beneficiosa para as arcas públicas e para os galegos e galegas, como denunciou o Consello de Contas e como quedou demostrado tamén nesta comisión de investigación que impulsamos desde o BNG pese a todos os intentos de boicot do PP”, explicou Pontón, quen avanzou que a comisión “non pecha nada”, senón que abre ao BNG “novas vías de traballo”.
Así pois, o Bloque levará o seu voto particular ao Pleno do Parlamento galego, dada a “evidente responsabilidade política do Partido Popular”, cun sobrecusto de 470 millóns de euros que case darían para construír outro hospital, advertiu a líder nacionalista logo de criticar ao PP que pretenda tapar coas súas “artimañas, ocultación e rodillo parlamentario” como se xestionan os recursos públicos de todos os galegos e galegas. “Este é un tema gravísimo e imos seguir dándolle a máxima prioridade política”, resumiu, para pedir por último ao Tribunal Constitucional axilidade na tramitación do recurso de amparo presentado polo BNG ante o boicot do PP aos dereitos das súas deputadas e deputados para exercer o seu labor na comisión de investigación.
Apoio á mobilización do xoves en defensa da sanidade pública en Vigo
Pontón referiuse a Vigo como unha das áreas sanitarias máis castigadas pola “política de recortes e privatizacións do Partido Popular”, polo que considerou normal as continuas mobilizacións cidadás en defensa da sanidade pública, tal e como acontecerá este próximo xoves coa manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para a que fixo un chamamento á participación.
“Sobran os motivos para encher as rúas de Vigo o próximo xoves e o BNG estará aí, man a man con toda a cidadanía de Vigo e de todas as comarcas afectadas porque é evidente que a defensa da saúde é o primeiro e hai que plantarlle cara a un goberno do Partido Popular que se está convertendo nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas”, concluíu.