HomePontevedraPontón destaca o papel fundamental das mulleres na ciencia e denuncia os...

Pontón destaca o papel fundamental das mulleres na ciencia e denuncia os teitos de cristal que aínda existen neste ámbito

- Anuncio -spot_img

Hai que avanzar en igualdade na ciencia, destaca tras un encontro no CINBIO con María Mayán, referente da biomedicina e de liderado na investigación

Propón auditar os resultados da Lei Ángeles Alvariño tras cinco anos en vigor e visibilizar o extraordinario papel das mulleres na xeración de coñecemento

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou o papel fundamental das mulleres na ciencia e denunciou os teitos de cristal que aínda existen neste ámbito de actuación, logo de visitar o centro de investigación CINBIO da Universidade de Vigo, onde mantivo un encontro co seu equipo directivo e co grupo investigador que dirixe María Mayán, referente no campo da xenómica e da biomedicina e na que exemplificou o liderado feminino no eido científico.

“María Mayán é un exemplo para moitas mulleres de que hai unha capacidade enorme”, salientou para advertir a continuación que, con todo, segue habendo “discriminacións e diferenzas” no conxunto das universidades, o que evidenciou recordando que menos do 30% das catedráticas son mulleres, unha cifra que descende ao 10% no caso das profesoras eméritas.

Pontón subliñou que se ben é certo que no ámbito da investigación hai unha incorporación “moi grande” das mulleres na base do sistema científico, “son menos as que teñen as oportunidades de poder dirixir grupos de investigación”, polo que apostou por realizar un maior esforzo para romper teitos de cristal tamén na ciencia.

Neste sentido, recalcou o inequívoco compromiso do BNG neste ámbito de actuación e tamén co aproveitamento de todo o talento das mulleres e co fomento de todas as vocacións femininas no eido científico e, neste punto, recordou a aprobación hai cinco anos da Lei Ángeles Alvariño, impulsada polo Bloque e que contou coa unanimidade do Parlamento.

Unha norma, lembrou, que naceu para rematar cunha discriminación tan “inconcibible” en pleno século XXI como era que as mulleres tiveran que escoller entre ser nai e ser científicas. “Evidentemente isto non chega, necesitamos moitos máis esforzos”, subliñou, para apostar en primeiro lugar por darlle unha maior visibilidade ás mulleres e por garantir a igualdade no desenvolvemento da carreira investigadora.

“É moi importante que desde moi nenas, as mulleres deste País saiban que poden ser científicas e liderar grandes grupos de investigación”, sintetizou logo de apostar, en segundo lugar, por unha maior ambición tanto nas políticas de igualdade, como nas políticas de apoio á ciencia, á innovación e ao seu desenvolvemento e a súa aplicación práctica na sociedade.

A líder nacionalista tamén explicou as propostas do BNG nesta liña, a comezar por avaliar o impacto obxectivo da Lei Ángeles Alvariño “para saber se realmente está cumprindo a función coa que naceu”. De igual xeito, defendeu a creación dun centro de investigación feminista e de impulso á igualdade das mulleres na ciencia.

A portavoz nacional afirmou que o futuro de Galiza “pasa por investir na ciencia e na innovación” e criticou a falta de compromiso neste sentido por parte dun Goberno do PP que “non ten unha política científica clara e que non está vendo a oportunidade que hai neste ámbito”, logo de lembrar que o investimento en I+D+i no País é inferior á media estatal e está moi lonxe da media europea.

“Se algo nos ensinaron as anteriores crises que vivimos é que os países que invisten en ciencia e investigación son os que soportan mellor as crises e os que teñen maior capacidade de crecemento”, subliñou para apostar a continuación por aumentar o investimento en innovación e investigación e a transferencia de coñecemento ao conxunto da sociedade.

Por iso, alegou que “Galiza ten que aspirar a máis” e apostou por incrementar o investimento destinado ás políticas de I+D+i até situalo no 2,5% do PIB. “Hai que facer un esforzo maior por parte das Administracións e involucrar máis ao sector privado”, resumiu.

Pontón tamén avanzou que o Bloque vai levar de novo ao Parlamento un proxecto de lei para crear o INNOGAL, un instrumento ao servizo da ciencia e da innovación que, baseado nas experiencias de éxito do ICREA catalán e do IKERBASQUE vasco, permita captar e reter talento e situar o País neste ámbito de actuación “no lugar que merece”.

“Temos persoal cualificado, temos universidades e temos centros como este do CINBIO que están facendo un esforzo moi grande para ser referentes en excelencia e, polo tanto, o que se necesita é un maior apoio e instrumentos que realmente nos posicionen na vangarda da ciencia, que é onde o BNG quere que estea Galiza”, concluíu.

Publicacións Relacionadas