HomePontevedraPontón reivindica o BNG como a forza que defende os intereses de...

Pontón reivindica o BNG como a forza que defende os intereses de Galiza ante o Estado, “sexa quen sexa o inquilino da Moncloa”

- Anuncio -spot_img

Reta a Rueda a facer público no prazo dunha semana o acordo secreto que a Xunta ten con Altri, logo que o TSXG admitise a trámite o recurso do Bloque

Néstor Rego e Carme da Silva destacan os logros nacionalistas fronte a un PP que vota en contra dos intereses do País, submiso á estratexia de Génova  

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou en Vigo ao BNG como a “única forza que pon a Galiza na axenda do Estado” e a única que “garante a defensa dos intereses do País, sexa quen sexa o inquilino da Moncloa.   

“Máis BNG significa máis forza para Galiza no Estado, porque somos a organización que lle dá voz e que lle dá voto a Galiza” ante o Goberno central, sintetizou Pontón, quen presentou en Vigo xunto aos representantes do Bloque no Congreso e no Senado, Néstor Rego e Carme da Silva, respectivamente, a campaña ‘Co BNG, Galiza Gaña’ para difundir os logros do traballo da organización nacionalista en Madrid en defensa do País, nun acto no que tamén participou o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas.

A portavoz nacional incidiu en que é “máis útil” para Galiza ter un deputado e unha senadora nas Cortes que o resto de representantes das forzas estatais, que están “teledirixidos e ao servizo” das direccións dos seus respectivos partidos de Madrid, atados “de pés e mans a Génova e a Ferraz”.

Pontón advertiu que o único que demostran as forzas estatais é a súa alternancia “na discriminación a Galiza”, cambiando de papel en función de se están no goberno ou na oposición, o que evidenciou co “exemplo de manual” da AP-9.

Así o demostra un PSOE que cando estaba na oposición defendía que a autoestrada tiña que ser libre de peaxes e transferida ao Goberno galego e agora di que é inviable tanto unha cousa como a outra.

“De nota”, cualificou o papel do PP neste asunto, xa que é o responsable da ampliación ilegal de máis de 25 anos da concesión da AP-9 que impide aos galegos e ás galegas circular por unha autoestrada xa gratuíta e que, non só non eliminou as peaxes mentres gobernaba, senón que chegou a vetar o debate da transferencia a Galiza, un veto que levantou a Xustiza dada a súa inconstitucionalidade.

“A única maneira de cambiar este guión e facer que Galiza gane é apostar por unha forza política coas mans libres, que teña a cabeza e o corazón no País, e esa forza é o BNG”, apuntou, para subliñar a continuación que, nun escenario sen maiorías absolutas, o Bloque usa a forza que lle deron as urnas a favor dos galegos e galegas para conseguir avances concretos que melloran a vida das persoas.  

Pontón destacou “a estratexia de negociación útil, intelixente e firme” do Bloque a favor de Galiza” fronte a un goberno de Alfonso Rueda que non só é “incapaz de defender os intereses dos galegos e das galegas”, senón que “pon paus nas rodas” a acordos beneficiosos como os logrados polo BNG no pacto de investidura e que exemplificou na quita de 4.000 millóns de euros na débeda pública que rexeita o Executivo do PP.

“Polo tanto, fronte á confrontación inútil que ten o Goberno de Rueda porque lle mandan desde Madrid, o BNG está sendo capaz de poñer en marcha unha estratexia de negociación intelixente, firme e coherente co Goberno do Estado que nos permite conseguir melloras para a cidadanía do noso País”, resumiu.

A líder nacionalista reafirmou a importancia de reforzar a presenza do Bloque nas Cortes, dado que ningún Executivo central agasallou nunca nada a Galiza. “Temos que pelexar polos nosos dereitos e sabemos que cambiar ese guión de discriminación só o imos facer apostando por unha forza como o BNG que ten as mans libres para esixir o trato xusto que Galiza merece”, incidiu.

Neste sentido, recordou os logros obtidos grazas ao traballo no Congreso e no Senado, como esa quita da débeda de 4.000 millóns, os descontos históricos na AP-9 e na AP-53 ou que o País estea cada vez máis cerca de conseguir un servizo de cercanías ferroviario, que considerou un avance de especial relevancia para unha cidade como Vigo.

“Non nos conformamos co que levamos conseguido nesta lexislatura porque sabemos que hai cuestións pendentes nas que imos seguir traballando, pero o que é evidente é que conseguimos todo isto cun deputado e unha senadora”, reflexionou para concluír a continuación que, neste escenario sen maiorías absolutas, Galiza gañaría moito máis cunha presenza do BNG “máis forte” en Madrid.

Reto a Rueda para facer público o acordo con Altri

A líder nacionalista referiuse tamén á admisión a trámite por parte do TSXG do recurso do Bloque para acceder aos documentos asinados entre Altri e a Xunta que oculta o Executivo do PP e, neste sentido, retou a Rueda a facer público no prazo dunha semana “os acordos secretos” asinados coa multinacional portuguesa a través da sociedade Impulsa, acordos que, precisamente pola súa condición de opacos, “demostran que son beneficiosos para a multinacional e prexudiciais para Galiza”.

“Exiximos transparencia ao Goberno de Rueda, a mesma exixencia que lle fai este ao Goberno central cando lle lanza un ultimátum para que faga públicos os informes en relación á AP-9”, reclamou, para recalcar a ocultación total da información sobre Altri, que o Executivo mantén pechada “baixo sete chaves”, pese a ser moi relevante para a sociedade galega. “Temos dereito a saber a que se comprometeron coa multinacional Altri”, incidiu. 

Pontón recordou que a transparencia no funcionamento da Xunta é “un principio democrático elemental” que “en Galiza se incumpre de maneira flagrante”. “Polo tanto, reto a Rueda a que no prazo dunha semana faga públicos eses documentos e que non teñamos a agardar a que a Xustiza lle obrigue a facelo, porque a cidadanía ten dereito a saber en que termos están asinados”, concluíu.

Baixo as siglas do BNG

A preguntas dos medios sobre a suposta candidatura impulsada por Gabriel Rufián a nivel estatal, a portavoz nacional destacou que o BNG ten unha posición moi clara, xa que é unha “forza galega e nacionalista” que “defende os intereses de Galiza”, como leva facendo durante anos. “Imos seguir concorrendo coas nosas siglas para representar e mellorar a posición que ten Galiza”, subliñou.

Dende o respecto aos procesos que teñen outras forzas políticas, Pontón explicou que “evidentemente, o BNG móvese noutra clave” e, polo tanto, a súa folla de ruta pasa pola defensa dos intereses do País e por traballar para reforzar a súa presenza en Madrid, cuestión esta que considerou clave “con todo o que está pasando”

É precisamente esa situación, recalcou, o que “nos vai dar máis capacidades para poder mellorar a vida dos galegos e das galegas e para construír políticas sociais valentes que poñan no centro da defensa da clase traballadora e das maiorías sociais do noso País”. Máis aínda, engadiu, nun contexto que non se circunscribe a un proceso electoral senón a “unha tendencia máis global que se está dando en torno ao medre das forzas reaccionarias”.

Afondando na análise da actual situación política e no auxe das ultradereita, advertiu que  “hai segmentos sociais que non se están vendo representados porque as súas condicións de vida están empeorando dunha maneira moi grave”, polo que emprazou ás forzas que están no Goberno do Estado a “aprender esa lección” e a afondar na “senda social” para mellorar a vida das traballadoras e dos traballadores. “Ese é o mellor muro de contención fronte a toda esa reacción que estamos vendo  e que nos preocupa”, concluíu.

Capacidade negociadora en favor do País

Sobre o traballo do Bloque nas Cortes, Néstor Rego recordou pola súa parte que “o BNG non é socio de ninguén máis que do pobo galego”, lembrando que a organización nacionalista non asinou un acordo de lexislatura, senón un acordo de investidura que o comprometía unicamente a votar a favor de investir a Pedro Sánchez. A cambio, afondou, o Goberno introduciu na folla de ruta actuacións e medidas da axenda galega.

Rego recordou que no Congreso están electos pola Galiza 23 deputados e deputadas: 13 do PP, 7 de PSOE e 2 de Sumar. “Todos eles e elas tiveron oportunidade de condicionar o seu voto a medidas que favorecesen o noso País. Ningunha delas o fixo, só o fixo o Bloque Nacionalista Galego”, apuntou para mostrar, máis unha vez, a capacidade do Bloque para defender os intereses da Galiza.

“Queremos que a cidadanía sexa consciente de que, se quere que o noso País estea ben defendido, ten que seguir confiando no BNG unha organización coas mans libres que non depende de ningunha dirección en Madrid. Foi o que sempre fixemos e é o que imos seguir facendo”, sintetizou.

Pola súa parte, alén de enumerar as cuestións materializadas conseguidas polo BNG froito da súa capacidade de negociación, Carme da Silva focalizou a mensaxe no papel que desenvolve o PP nas Cortes do Estado, tendo maioría absoluta no Senado: “No canto de defender os intereses da Galiza obedecen o que lle mandan desde Madrid para tachar Galiza e para eliminar a nosa lingua”, advertiu.

“Tamén se quita a careta en cuestións fundamentais: mentres o BNG consegue que se creen xulgados específicos de violencia machista en todas as áreas galegas, o Partido Popular elimina a linguaxe inclusiva da Lei de Atención á Clientela, incumprindo a lexislación estatal que obriga a que as leis teñan este tipo de linguaxe”, exemplificou a senadora nacionalista, evidenciando a postura máis reaccionaria do PP.

O mesmo acontece, engadiu, a respecto do galego e de permitir o seu uso na cámara territorial: “O Partido Popular xa votou, nesta lexislatura, dúas veces en contra de que se poidan empregar as diferentes linguas no Senado e impide a oficialidade do galego na Unión Europea, cuestión que forma parte do Acordo do BNG”, finalizou.

Publicacións Relacionadas