- Concello instalará unha pantalla xigante no centro da vila para que veciños e veciñas poidan seguir xuntos, a partir das 18:00 horas, un encontro histórico para a Selección Española Feminina.
- Desde as 17:30 horas, os máis pequenos e as súas familias poderán desfrutar dunha tarde de diversión refrescante con atraccións acuáticas e festa da escuma.
Este domingo 27 de xullo, a Praza do Concello do Porriño transformarase nun espazo de encontro, emoción e apoio colectivo coa retransmisión en directo da final da Eurocopa de fútbol feminino. O Concello instalará unha pantalla xigante no centro da vila para que veciños e veciñas poidan seguir xuntos, a partir das 18:00 horas, un encontro histórico para a Selección Española Feminina.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anima á cidadanía a participar desta xornada especial e subliña a importancia de visibilizar o deporte feminino desde todos os ámbitos. “Queremos que a Praza do Concello sexa este domingo unha gran bancada chea de ilusión e orgullo. Esta final representa moito máis ca un partido: é o reflexo dun cambio social, do esforzo e da igualdade no deporte. Porriño ten que estar aí, apoiando”, afirmou o rexedor.
A cita deportiva irá precedida dunha nova edición do Mini Parque Acuático, que tamén se instalará na Praza do Concello. Desde as 17:30 horas, os máis pequenos e as súas familias poderán desfrutar dunha tarde de diversión refrescante con atraccións acuáticas e festa da escuma. Esta proposta, xa habitual nas fins de semana de verán, encherá o centro da vila de riso, xogo e cor.
As actividades son totalmente gratuítas e forman parte da programación de verán impulsada polo Concello co obxectivo de dinamizar o espazo público e ofrecer alternativas de lecer familiar.
“Desde o goberno local apostamos por un Porriño vivo, que crea comunidade e que sabe celebrar xunto os momentos importantes. Este domingo será unha desas datas para lembrar, compartida entre xeracións, co deporte como protagonista e co orgullo de país moi presente”, destacou o alcalde.
O Concello do Porriño convida a toda a veciñanza e visitantes a achegarse á Praza do Concello e vivir en directo unha tarde histórica para o deporte feminino e para a convivencia cidadá.



