O Consello Local de Cambados expresa o seu rexeitamento ante o Informe da Dirección General de la Costa y el Mar, dependente do Ministerio de Transición Ecológica, sobre a fachada marítima de Cambados. A decisión do Goberno do Estado, formado pola coalición PSOE-Podemos, é profundamente lesiva para os intereses do Concello de Cambados, nos eidos urbanístico, dotacional, e económico.
O informe prohibe erguer a nova praza de abastos na súa localización actual, e renovar as concesión administrativas sen natureza portuaria. Afecta, no centro da vila, ao centro de saúde, á estación de autobuses, a unha moblería, e un restaurante; e en Tragove, ás depuradoras. Sobre estas últimas, unha está en proceso de expansión, arriscando unha inversión que podería xerar arredor de 300 postos de traballo. Esta lexislación ideada e adoptada dende Madrid non ten en conta as características das vilas costeiras galegas.
O BNG sempre defendeu que os terreos costeiros sen uso de natureza portuaria poden e deben pasar a ser de titularidade municipal. Ante este desafío, instamos ao Goberno municipal de Cambados, e en especial ao seu Alcalde, a que antepoña a defensa dos intereses do noso pobo á axenda dictada, dende fóra, polo seu partido político.