Poza reclama recursos lexislativos para que as competencias impropias “non nos afoguen”

adminON
Lectura mínima de 5

Vilaboa afronta a limpeza da franxa de seguridade forestal cun técnico interino, con limitacións para sacar a praza e cun sobreesforzo “que nos paraliza”

O recente incendio que hai tan so uns días afectou ao monte de Vilaboa deixa sobre a mesa a urxencia e importancia de desenvolver tarefas preventivas de limpeza durante todo o ano. Unha labor que, segundo indica César Poza, alcalde de Vilaboa, supera a capacidade da administración local. “Ao igual que sucede co SAF, facer cumprir a lei que obriga a manter limpas as franxas de protecciónn forestal supón un sobrecosto imposible de asumir”.

Limitados lexislativamente pola imposibilidade de cubrir todas as prazas que serían necesarias no Concello e afogados polo coste económico que implican as competencias impropias, César Poza prantexa modificacións normativas que permitan aos Concellos pequenos contratar empresas que desenvolvan determinadas tarefas ou extender convenios como o de Xeaga a quen precise estes servizos.

O Concello de Vilaboa incorporou o pasado mes de novembro a un técnico interino de Medio Ambiente que dende entón centrou a súa xornada laboral na prevención de incendios. Á súa chegada ao Concello Rodrigo Fernández encontrouse con máis de 400 expedientes abertos, propiciados na súa meirande parte por denuncias de persoas afectadas, e dez meses despois afirma que no 80% dos casos contou coa colaboración voluntaria dos propietarios das parcelas denunciadas.

O traballo do técnico de Medio Ambiente consiste en solicitar o cumprimento da lei, que obriga a manter unha franxa de seguridade de 50 metros libre de maleza e de árbores pirófitas, como son os pinos, os eucaliptos e as mimosas tanto nos núcleos urbanos como arredor de vivendas illadas. O procedemento comeza coa notificación da obrigación de limpeza da parcela en cuestión. “É un traballo que facemos o axente da Policía Local e eu, conxuntamente”, explica o técnico de Medio Ambiente que insiste en que manter limpas estas franxas de seguridade é fundamental en caso de incendios “porque son as que van parar o lume de xeito natural”.

De aí o volume de expedientes e a insistencia municipal en resolvelos con axilidade. “Temos que destacar a colaboración veciñal que encontramos para limpar. Hai que decir que non sempre é tan áxil como nos gustaría porque o propietario ten que pedir un permiso de tala e ten que encontrar un madeireiro que a vaia retirar, que en ocasións ao ser un volume escaso lles dispara os costes”. O Concello fai seguimento de cada expediente e dos pasos que van dando os propietarios para manter limpas as parcelas. “En caso de non haber colaboración empezan as multas coercitivas, que se repiten cada tres meses e pasan despois á vía executiva”, apunta o técnico.

Sobre a súa mesa quedan uns 80 expedientes en vías de resolución e confía en ir incorporando máis a medida que avance o inverno porque un dos obxectivos do Concello é eliminar as árbores pirófitas das leiras nas que non poden estar prantadas. “Pouco a pouco a xente ten que tomar conciencia de que a prevención é a unha responsabilidade conxunta. Eliminar eucaliptos e pinos e manter limpas as franxas de seguridade supón un plus de tranquilidade”.

Neste sentido o alcalde de Vilaboa, César Poza, agradece tamén o respaldo da cidadanía ao traballo que está realizando do departamento de Medio Ambiente. “Se alguén detecta o incumprimento desta franxa de seguridade ten que comunicado ao Concello para que se poida iniciar o proceso de eliminación de estas especies perigosas. Nun municipio tan extenso como o noso necesitamos traballar conxuntamente e temos por diante un inverno que debemos aproveitar para executar tarefas preventivas”

Pero César Poza insiste en que se facilite a tramitación destes expedientes: “Cada un deles significa un amplo proceso dende a apertura, o seguimento, revisións, podendo pasar meses ata o seu peche”. “Un proceso moi laborioso, lento, necesitado de persoal e que se ve agravado moitas veces polas dificultades de atopar aos propietarios ou con situacións de propiedade descoñecida alargando e complicando aínda mais o procedemento”.

Comparte este artigo