HomePontevedraO SalnésPrado: “ Unha vez máis a comarca do Salnés é a gran...

Prado: “ Unha vez máis a comarca do Salnés é a gran ignorada nos Orzamentos da Xunta de Galiza”

- Anuncio -spot_img

A deputada no Parlamento Galego, Montse Prado fai unha primeira valoración dos Orzamentos da Xunta para o ano 2023 no que respecta á comarca do Salnés.

A nacionalista sinala que estes orzamentos seguen deixando aparcadas actuacións precisas para solucionar os gravísimos problemas que ten a veciñanza da nosa comarca e que “consolida por parte do Partido Popular a tendencia de anos ignorando a esta comarca” cuns orzamentos territorializados moi insuficientes.

O BNG critica que durante anos aparecen as mesmas partidas nos orzamentos e que finalmente non se executan ou faino moi por debaixo do previsto. Pon como exemplos o caso da lonxa de Ogrobe, que leva varios anos aparecendo, ao igual que a lonxa de Cambados ou tamén a modernización da EDAR de Tragove, o Porto de Sanxenxo ou as tan necesitadas partidas para o saneamento da ría.

Prado, denuncia ademais que nas contas presentadas polo Partido Popular para o vindeiro ano, non hai partidas para solucionar os problemas en canto a servizos públicos e en especial para sanidade, emprego ou vivenda.

“Estes orzamentos desminten a propaganda e eses titulares que tanto lle gusta ao PP” di a nacionalista, mais en realidade son “unha auténtica burla que o Delegado da Xunta veña a presumir duns orzamentos e dun intento de trasladar unhas cifras que non se corresponde logo coa realidade”.

Para a nacionalista, non hai reforzamento dos servizos públicos, senón que consolidan os recortes nuns orzamentos expansivos polas partidas que veñen tanto da Unión Europea como do Estado. Non hai ningún esforzo para a creación de escolas infantís públicas, ningunha partida para iniciar o cambio dos modelos de coidados, ou mesmo para que haxa como mínimo unha residencia de maiores na nosa comarca, nin centros de días.

En canto á sanidade, a deputada afirma que estes orzamentos fan saltar todas as alarmas. O Partido Popular non contempla partidas para afrontar os gravísimos problemas da sanidade da nosa comarca e que levou a miles de veciños e veciñas a manifestarse en Vilagarcía o pasado venres 14 de outubro, para esixir solucións ao desmantelamento da sanidade no Salnés.

“Vemos nestes orzamentos nulas partidas para Atención Primaria, para o aumento de persoal, para a incorporación de novas categorías, para abrir os consultorios pechados como é o caso de Vilaxoán ou o de Paradela, para garantir a atención pediátrica”, denuncia Prado. Polo que van continuar as listas de espera de días e semanas, os PACs van continuar sen persoal, os centros de saúde baixo mínimos ou as nosas crianzas seguirán sen atención pediátrica.

A deputada, denuncia ademais que infraestruturas que tiñan que estar construídas hai anos, como é o caso do novo centro de saúde de Vilagarcía, e outras que seguen sen aparecer como é o centro de saúde de Ogrobe ou melloras no de cambados e no de San Roque de Vilagarcía, centro de saúde que aínda vai estar anos atendendo á veciñanza deste concello e que require de actuacións urxentes.

A deputada tamén fai referencia á falta de proxectos e impulso económico nunha comarca con niveis moi alto de desemprego e de baixada de poboación activa. Denuncia que non hai ningunha aposta por parte da Consellaría do Mar, nun sector estratéxico da nosa comarca como é o mar e o marisqueo, e critica ademais a falta de partidas para a creación do 4º Xulgado en Vilagarcía diante da situación de colapso nestes xulgados.

Desde o BNG temos que dicir que estes orzamentos “son unha fraude, non aportan solucións aos problemas do veciños e veciñas da comarca do Salnés”.

Prado, criticou que este proxecto de Orzamentos, nunha situación de enorme crise como a actual, non contempla medidas para a tender esas necesidades da maioría, “mais si o que contempla son actuacións para beneficio da minoría con máis recursos porque inclúen un pelotazo fiscal polo que lle rebaixa 34 millóns de euros aos máis ricos en vez de adicalos aos servizos públicos tan necesarios e que tanto demanda a veciñanza”, concluíu.

Publicacións Relacionadas