O Concello de Mos anuncia que o pregón da festa de pre-fin de ano, que se celebrará no Pazo de Mos este sábado 27 de decembro, correrá a cargo dos directores das catro rondallas do municipio: Irene Anta, da Rondalla do Círculo Cultural e Deportivo de Santa Eulalia de Mos; Iván Rey, da Rondalla do Centro Recreativo e Cultural de Torroso, Lorena Castro, da Rondalla da Asociación Cultural de Herville e Manuel Ferreira, da Rondalla da Asociación Club Santiaguiño de Guizán.
Este pregón rondalleiro chega tralo éxito do recente Rondallas Fest, celebrado tamén no Pazo de Mos, unha cita que converteu o municipio nun auténtico epicentro da música tradicional e que puxo de manifesto a enorme implicación social e cultural que teñen as rondallas na vida de Mos.
A celebración coincide ademais cun momento de especial visibilidade para este movemento cultural, coa estrea da película “Rondallas”, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo, que chegará aos cines o vindeiro 1 de xaneiro, contribuíndo a achegar ao gran público a riqueza e o valor das rondallas como expresión fundamental do patrimonio cultural galego.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, salienta que “Mos é hoxe un referente das rondallas, e este pregón é unha maneira de recoñecer o traballo, o esforzo e a paixón de centos de persoas que manteñen viva esta tradición”, engadindo que “o éxito do Rondallas Fest e a chegada dunha película dedicada a este mundo confirman que estamos ante un momento moi especial para a nosa música popular”.
Xunto ao pregón rondalleiro, a Gran Festa de Pre-Fin de Ano, que arrinca sobre as 23.00 horas da noite, contará cun amplo programa musical que combinará tradición e modernidade, coa actuación de Danny Romero, Dasoul, José de Rico, Eric García e Michi, ofrecendo unha sesión centrada nos grandes éxitos da época dourada da música española e nun formato pensado para todos os públicos.
As rondallas de Santa Eulalia de Mos, Torroso, Herville e Guizán contan cunha ampla traxectoria e mobilizan cada ano a persoas de todas as idades, consolidándose como unha das principais sinais de identidade cultural do municipio.
O pregón marcará o inicio dun pre-fin de ano no que tradición e modernidade se darán a man, convertendo o Pazo de Mos nun espazo de encontro, celebración e orgullo pola cultura propia.



