HomeTabeirósCerdedo - CotobadePresentan ás comunidades de augas veciñais os resultados dos estudios técnicos do...

Presentan ás comunidades de augas veciñais os resultados dos estudios técnicos do Plan de Abastecemento Autónomo de Galicia

- Anuncio -spot_img

• O alcalde, Jorge Cubela, salientou a importancia destes traballos que redundan na calidade do servizo e non teñen ningún custe nin para o Concello nin para os usuarios

Técnicos responsables da redacción dos Plans Municipais de Abastecemento Autónomo de Galicia están mantendo xuntanzas sectorias e de traballo en Cerdedo-Cotobade cos usuarios das traídas de abastecemento deste municipio incluidas nun plan pioneiro no que so participan seis concellos en toda a Comunidade Autónoma.

Os encontros, nos que participarán as 80 comunidades de usuarios de auga veciñais que manifestaron o seu desexo de ser incluídas nos traballos de estudio, estructúranse en pequenas reunións dunhas 10 traídas para facilitar unha mellor comunicación e facelas máis operativas e participativas.

Os técnicos dos Plans Municipais de Abastecemento Autónomo de Galicia realizan unha pequena presentación inicial a todos os asistentes do resumo de traballos de documentación e análise realizados nas traídas de autoabastecemento de Cerdedo-Cotobade.

Estas reunións sectorialízanse para facelas personalizadas cos propietarios e usuarios de cada traída. No transcurso destes encontros entréganse os informes que recollen propostas de mellora de cada traída e se explican de maneira pormenorizada os problemas observados en cada unha, os resultados das analíticas das augas e as propostas de solución previstas,
adxuntando os planos e orzamentos correspondentes.

Ademais, os técnicos escoitan as aportacións e impresións dos usuarios, que se recollerán nun informe refundido que cumprimentarán os traballos realizados en todas e cada unha das traídas.

Pola súa banda, o alcalde Jorge Cubela, que asistiu á xuntanza levada a cabo en Carballedo, salientou a importancia da participación activa dos usuarios das traídas de augas neste tipo de xuntanzas onde se entregan os resultados dos estudios e os traballos feitos en todos e cada un dos sistemas de abastecementos de auga adheridos a este proxecto pioneiro en Galicia e que se fai tan so en 6 concellos da Comunidade Autónoma.

“Nestas xuntanzas entrégaselles aos veciños os resultados dos traballos técnicos levados a cabo sobre o terreo cos que poderán ter unha idea clara de como se pode mellorar o sistema de abastecemento e o mellor aproveitamento dos recursos hídricos. Este estudio é gratuíto para as traídas de augas veciñais e para o propio Concello e supón un avance moi importante para mellorar a calidade do servizo e do propio sistema de abastecemento”, indicou o alcalde Jorge Cubela.

Publicacións Relacionadas