Trátase dunha iniciativa da Asociación de Mulleres en Igualdade de Tui coa colaboración de Femupo
Presentouse no Liceo Casino de Tui o venres 11 de novembro a iniciativa ‘Galegas con Recursos’, un programa integral de difusión, formación e información de recursos para mulleres que pon en marcha a Asociación de Mulleres en Igualdade AMEI Tui.
A primeira parte do programa, na que están traballando neste momento, consiste no lanzamento dunha app cun directorio de recursos para mulleres vítimas de violencia de xénero, coa que se pretende centralizar nunha única ferramenta todos os recursos dispoñibles en Galicia.
O obxectivo da app Galegas con Recursos é facilitar o acceso a información sobre recursos dispoñibles, porque, segundo comenta Anabel Solla, presidenta de AMEI Tui, “os recursos salvan vidas, é de vital importancia que as mulleres coñezan os seus dereitos, que coñezan os recursos dispoñibles e que poidan acceder a eles dende a palma da súa man”.
A aplicación está pensada para ser utilizada polo público en xeral mais tamén por entidades públicas, asociacións e profesionais que atenden a mulleres vítimas de violencia de xénero. É unha app áxil e intuitiva onde se pode encontrar información sinxela e directa dos recursos existentes agrupados segundo a súa área. Xa está dispoñible para descarga a través de Google Play; tamén se está a elaborar unha páxina web, coa mesma finalidade, utilizando como base a app Galegas con Recursos.
“Estamos moi ilusionadas co proxecto que nos permite, dende a nosa pequena entidade en Tui, poder desenvolver unha ferramenta a nivel autonómico que será de utilidade a moitísimas mulleres de toda Galicia,” declara Anabel Solla.
A app desenvolveuse grazas a unha subvención da Xunta de Galicia para fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres e foi cofinanciada polos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. A iniciativa tamén contou coa colaboración da Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo).
“Levamos traballando case un ano e medio no desenvolvemento desta app, cun equipo de profesionais que se deixaron a pel para sacar o proxecto adiante cando non sabiamos se encontrariamos financiamento,” comenta Anabel Solla. E engade, “Femupo puxo á nosa disposición toda a súa infraestrutura para poder xerar as sinerxías que lograron ter a app dispoñible.”



