Organizada por Agrudebam en colaboración co Concello e co CPI Manuel Suárez Marquier dentro do programa Xogade, a actividade conta coa participación de alumnado de toda a comarca
O Rosal vibrou esta semana coa enerxía de preto de 2.000 estudantes que participaron este martes e mércores no Cros Escolar en horario lectivo organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte a través da Agrupación Deportiva Baixo Miño (Agrudebam) en colaboración co Concello e co CPI Manuel Suárez Marquier. Dous días no que o recinto escolar rosaleiro se converteu nunha auténtica pista de atletismo na que o compañeirismo e a inclusión primaron por riba da competición.
“O deporte é moito máis que gañar ou perder, é traballo en equipo, amizade e saúde. Esta proba serve para que nenos e nenas poidan gozar do deporte nun ambiente de apoio e diversión”, explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que subliñou a importancia de “motivar aos nosos mozos e mozas a coidar do seu corpo para o seu propio benestar e, ao mesmo tempo, aprender valores de cooperación e inclusión”.
Este Cros Escolar, no que participan alumnos e alumnas dos centros educativos da comarca, está enmarcado no programa XOGADE da Xunta de Galicia e busca fomentar a práctica deportiva na poboación en idade escolar. Cun circuíto deseñado con variacións en función da idade, estudantado de 2º de Primaria ata 2º da ESO participou en carreiras por equipos conformados por clases enteiras de cada curso e centro escolar. Ese formato permitiu que durante estes dous días ningún neno ou nena quedara fóra da experiencia deportiva, facendo do cros unha actividade inclusiva.
Para o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, “é fundamental ofrecer aos nenos e nenas actividades coma esta, onde o deporte é unha canle para o seu desenvolvemento integral”. O edil agradeceu tamén a Agrudebam e ao CPI Manuel Suárez Marquier a súa colaboración esencial para a celebración deste evento e recalcou o compromiso do Concello “con construír unha comunidade que promove unha vida saudable dende idades temperás. Eventos como este son imprescindibles para inculcar á nosa rapazada o valor de coidar de si mesmos e dos demais”.
Con esta proba, Agrudebam dá o pistoletazo de saída neste curso escolar ao programa de actividades deportivas entre alumnado dos centros educativos dos concellos do Rosal, Tomiño, Tui e Salceda de Caselas. Unha programación que continuará nas vindeiras semanas con xornadas de xogos populares, encontros multideportivos entre colexios ou unha competición de bádminton, entre outras actividades deportivas.
Dende a Agrupación Deportiva Baixo Miño, formada por docentes dos centros educativos da comarca, quíxose agradecer a colaboración por parte do Concello do Rosal neste campionato de Cros Escolar, así como a implicación directa do CPI Manuel Suárez Marquier para que todo o alumnado participante nas xornadas desfrute ao máximo do deporte.