HomePontevedraO CondadoPreto de 30 expositores, catas comentadas e obradoiros poñen en valor a...

Preto de 30 expositores, catas comentadas e obradoiros poñen en valor a flor de Galicia en Ponteareas, a camelia

- Anuncio -spot_img

A camelia é moito máis ca unha flor fermosa. É un símbolo profundamente ligado á nosa terra. Galicia leva décadas cultivando a camelia con paixón, convertíndoa nun elemento ornamental que define xardíns históricos, pazos e espazos públicos e exitosas propostas como a ruta das camelias.

“Grazas a ela, vilas e cidades galegas viven cada inverno unha auténtica explosión de beleza, contribuíndo ao embelecemento das nosas rúas e á creación dun atractivo turístico que atrae milleiros de visitantes”, destacou a alcaldesa Nava Castro na inauguración da Exposición da Camelia de Ponteareas que contou coa participación do deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís e da presidenta da Sociedade Española da Camelia, Carmen Salinero, nun acto encabezado polo tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera.

Durante o acto oficial, as autoridades fixeron entrega dos premios do concurso de relatos, que recaeron en Xabi Barros Rodríguez (3º premio), Martín de León González (2º premio) e Anxo Fernández Carrera (1º premio).

Ao longo do sábado celebráronse diversas actividades arredor do mundo da camelia, entre elas unha charla-cata de té e un obradoiro especializado, que rexistraron unha destacada participación. Ademais, actuaron as pandeiteiras Sadeo no marco dunha exposición que reuniu 27 expositores, converténdose nun dos puntos de maior afluencia da xornada.

Para o domingo, o programa manterá aberta a exposición e incorporará, se as condicións meteorolóxicas o permiten, a actuación da Rondalla Santa Eulalia de Atios, que porá o broche musical á celebración a partir das 17:00 horas.

A Camelia, moito máis ca beleza

Mais a camelia non destaca só pola súa beleza. Ten detrás unha historia rica, sorprendente e profundamente humana. En 1893, en Nova Celandia, unha camelia branca converteuse en símbolo da liberdade e da loita polo sufraxio universal feminino. O 19 de setembro dese ano, o gobernador Lord Glasgow promulgou a lei que outorgaba ás mulleres o dereito ao voto. A camelia branca, levada por mulleres e homes que apoiaban esta causa, quedou para sempre asociada á figura de Kate Sheppard, pioneira do movemento sufraxista, e hoxe a variedade que leva o seu nome é un recordo vivo daquela conquista histórica.

Outro exemplo da forza simbólica da camelia atopámolo en Brasil, onde tamén serviu como emblema do movemento abolicionista. Esta flor acompañou a reivindicación da liberdade para as persoas escravizadas, converténdose nunha mensaxe silenciosa pero poderosa contra a inxustiza.

Publicacións Relacionadas