HomePontevedraPoioPreto de 30 persoas participan na primeira das "Andainas de Outono" da...

Preto de 30 persoas participan na primeira das “Andainas de Outono” da concellería de Benestar Social e Mocidade

- Anuncio -spot_img

• Logo deste saída inicial a Pazos de Borbén, as seguintes excursións terán lugar en lugares do propio municipio poiense, co obxectivo de fomentar hábitos saudables e poñer en valor lugares do concello, segundo explica a edil responsable da área, Rosa Fernández (PSdeG-PSOE)

• A seguinte convocatoria será o vindeiro domingo, 9 de outubro, para percorrer o paseo litoral entre A Seca e Lourido

As ‘Andainas de Outono’, impulsadas pola Concellería de Benestar Social e Mocidade, iniciáronse este pasado domingo 2 de outubro cunha primeira convocatoria que resultou todo un éxito de participación. Preto de 30 persoas de diferentes idades formaron parte da expedición que se trasladou ata o concello de Pazos de Borbén para coñecer a Senda do Barragán. Acompañadas dun guía, os e as integrantes do grupo puideron coñecer de primeira man os grandes atractivos desta senda. A edil responsable da área, a socialista Rosa Fernández, tamén tomou parte nesta excursión e salientou a boa acollida que tivo, manténdose, deste xeito, o interese suscitado polas ‘Andainas de Primavera’ que desde este departamento se levaron a cabo antes do verán, e que contaron con máis de 150 inscritos e inscritas.


Fernández explicou que esta saída será a única do novo programa que se levará a cabo fóra do noso concello, xa que as próximas excursións terán lugar en emprazamentos do municipio. “Deste xeito, apostamos non só por organizar actividades lúdicas que fomenten os hábitos saudables e a convivencia, senón tamén a posta en valor por lugares e paraxes de Poio que paga a pena seren coñecidas”, apunta a edil do Goberno municipal.

Así pois, a seguinte cita terá lugar o vindeiro domingo, día 9 de outubro, e consistirá nunha andaina pola senda de Lourido, a través da cal se atravesa a franxa costeira que vai desde as inmediacións do Parque da Memoria ata as proximidades do parque de Costa Xiráldez. Trátase dun dos grandes puntos de interese de Poio, unha senda que este ano, por primeira vez, contou co selo de calidade Sendeiro Azul, outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac). Ao igual que en convocatorias anteriores, esta actividade será totalmente gratuíta. As persoas interesadas en anotarse ou en obter máis información poderán facelo na Casa Rosada ou chamando ao número de teléfono 986872401.

Bailes para persoas maiores
Por outra banda, a Concellería de Benestar Social e Mocidade anuncia tamén que neste mes de outubro retomaranse os bailes para persoas maiores, unha actividade que no seu día tivo que ser adiada pola situación sanitaria derivada da COVID-19. A Casa Rosada acollerá os venres esta cita. A estrea desta programación lúdica será o día 21 de outubro, mentres que a seguinte será o 11 de novembro, coincidindo co tradicional magosto que se desenvolve no Centro Social. A derradeira cita do ano quedará fixada para o 2 de decembro.

Os bailes serán de entrada libre e darán comezo ás 17.00 horas, segundo informou Rosa Fernández.

Publicacións Relacionadas