HomePontevedraCampo LameiroPreto de medio milleiro de persoas déronse cita en Campo Lameiro para...

Preto de medio milleiro de persoas déronse cita en Campo Lameiro para vivir a primeira edición de “Campo-Damedo: Onde o medo desperta entre as pedras”

- Anuncio -spot_img

Ademais da veciñanza local e comarcal participaron persoas chegadas desde as comarcas de Arousa, O Barbanza e mesmo desde Padrón (A Coruña).

Campo Lameiro converteuse a pasada fin de semana no epicentro do misterio, a tradición e o espírito comunitario coa celebración da primeira edición de “CAMPOLA–DAMEDO: Onde o medo desperta entre as pedras”, un evento que congregou preto de medio milleiro de persoas chegadas de distintos puntos de Galicia, entre eles Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Padrón, Rianxo e numerosos concellos da contorna.

Desde primeira hora da tarde, participantes e visitantes fóronse achegando á Praza do Concello, lugar desde o que arrancou o percorrido nocturno que levou ao público por un roteiro cheo de escenas, historias e sobresaltos, no que sombras, luces e sons fixeron tremer mesmo aos máis intrépidos. As actividades preparadas por colectivos e asociacións do municipio mantivéronse en segredo ata o inicio do evento, reforzando así o carácter sorprendente desta proposta.

A xornada culminou cun multitudinario Magosto popular no que veciñanza e persoas visitantes puideron gozar de música ambiente, castañas, lume e boa compañía, recuperando unha das tradicións máis queridas da cultura galega e convertendo a praza nun espazo de convivencia e celebración.

O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, amosou a súa satisfacción polo éxito desta primeira edición, subliñando “o enorme esforzo e implicación de todo o tecido asociativo de Campo Lameiro, que fixo posible un evento que combina a posta en valor do noso patrimonio co espírito participativo e festivo da nosa xente”. Engadiu ademais que iniciativas como esta “dinamizan o municipio, reforzan a identidade local e proxectan Campo Lameiro como un destino cultural e turístico de referencia”.

O Concello de Campo Lameiro expresou o seu agradecemento explícito a todas as persoas que asistiron, así como ás asociacións e colectivos que participaron activamente na organización deste evento e que contribuíron de forma decisiva ao seu éxito. Entre eles, colaboraron o CD Campo Lameiro, B.E.U.C. Campo Lameiro (Banda de Música), Coral Polifónica de Campo Lameiro, Asociación de Mulleres Rurais A Chanciña, Asociación Veciñal A Fardoia de Praderrei, Asociación Veciñal de Fragas, Asociación Xuve-Campola, ANPA do Colexio Pedro Antonio Cerviño, Asociación Andaina de Campo Lameiro, Comparsa Os Solfamidas, Charanga Os Encerellados, Asociación Canto de Taberna Sons do Peto, Sociedade de Caza Refuxio Conla, Asociación Monteiros de Penalba e Asociación Veciñal e Cultural As 9 Aldeas de Couso.

Así mesmo, o Concello agradece profundamente o traballo dos operarios municipais, que desde primeiras horas da mañá e ata altas horas da noite estiveron colaborando de maneira constante para garantir que todo funcionase á perfección, contribuíndo a que esta primeira edición transcorrera con total éxito e cunha organización impecable.

O alcalde destacou tamén que esta gran resposta cidadá avala a continuidade da iniciativa, que nace con vocación de consolidarse como unha cita de referencia no calendario cultural do municipio.

O Concello de Campo Lameiro invita a toda a veciñanza e ao público en xeral a continuar participando nas actividades municipais e a seguir facendo comunidade arredor de propostas que unen tradición, creatividade e participación social.

Publicacións Relacionadas