HomePontevedraBaixo MiñoPrimavera activa en Tomiño con catro novos cursos para aprender e medrar

Primavera activa en Tomiño con catro novos cursos para aprender e medrar

- Anuncio -spot_img

Voleibol, monitor de tempo libre, arte téxtil e xoiaría amplían a programación do Concello con 700 horas máis de lecer

A primavera en Tomiño nótase tamén nas aulas, nos pavillóns deportivos e nos espazos creativos do municipio. O Concello impulsa unha nova programación formativa a través da que a OMIX de Tomiño ofrecerá máis de 700 horas de lecer e aprendizaxe con catro cursos pensados para fomentar o deporte, a empregabilidade e a creatividade en diferentes idades.

Entre as propostas destaca o curso extraescolar de voleibol, dirixido á rapazada de entre 7 e 17 anos que queira achegarse a este deporte e aprender técnicas básicas, mellorar a coordinación e desfrutar dunha actividade baseada no compañeirismo e no traballo en equipo. A actividade desenvolverase no Pavillón de Goián os xoves de 16.30 a 18.00 horas dende este mes de febreiro ata final de curso e terá un custo de 20 euros.

Outra das xoias da programción é o curso oficial de monitor/a de tempo libre, unha formación que abre portas a nivel profesional e achega ferramentas útiles a nivel persoal. Cunha duración de 200 horas teórico-prácticas máis 150 horas de prácticas, permitirá obter o título oficial expedido pola Xunta de Galicia. Dirixido a maiores de 18 anos con titulación mínima en ESO ou equivalente, impartirase na Escola Obradoiro de Goián desde o 7 de marzo ata o 19 de abril, en horario de fins de semana. O prezo é de 200 euros e ofrece a posibilidade de realizar as prácticas no campamento urbano municipal.

Para as tomiñesas e tomiñeses que busquen opcións máis creativas, o Concello organiza o obradoiro de arte téxtil “Historias de tea”, unha proposta teórico-práctica para visibilizar a muller na arte a través da creación dunha obra colectiva baseada nas historias individuais das persoas participantes. Desenvolverase os sábados 7, 14, 21 e 28 de marzo de 11.00 a 13.30 horas na OMIX de Tomiño e terá un prezo de 20 euros.

Completa a oferta o obradoiro “Crea a túa xoia Xpress: medalla gravada”, que terá lugar o 27 de marzo de 19.30 a 20.30 horas tamén nas instalacións da OMIX. Nesta actividade, as persoas participantes deseñarán e gravarán unha medalla de cera especial para xoiaría que posteriormente será fundida e pulida, recibindo a peza finalizada entre catro e seis semanas despois. O prezo da actividade é de 20 euros.

Con esta programación, o Concello de Tomiño reforza a súa aposta por ofrecer alternativas formativas e de lecer de proximidade, accesibles e adaptadas ás inquedanzas da veciñanza, facendo da primavera unha estación para aprender, compartir e medrar.

Publicacións Relacionadas