Promoción

- Anuncio -spot_img

PROMOCIÓN ECONÓMICA ACADA UN NOVO
PROXECTO DE FONDOS EUROPEOS PARA A
REHABILITACIÓN INTEGRAL DA ESCOLA
UNITARIA DE ARÉN
• O proxecto deseñado pola Concellería dirixida polo socialista Gregorio Agís atópase entre os 60 mellor valorados dos máis de 400 presentados a nivel nacional para a consecución destas axudas, que chegan a través do Programa estatal PIREP

• A contía obtida ascende a preto de 160.000 euros e súmase ao orzamento total, de 278.000 euros, que permitirá facer realidade a completa transformación destas dependencias en Samieira

O proxecto deseñado pola Concellería de Urbanismo e Promoción Económica, dirixida por Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), para a recuperación e rehabilitación integral da antiga escola unitaria de Arén, na parroquia de Samieira, vén de consolidarse como un dos proxectos de maior calidade a nivel nacional dentro da convocatoria aberta para a obtención de fondos ‘Next Generation’, a través do Programa para la Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), impulsado polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana. O ente dependente do Goberno central publicou hai uns días o listado das máis de 400 propostas presentadas polos concellos de toda España que recibirán estes fondos, entre os que se atopa o de Poio.

O proxecto de Urbanismo e Promoción Económica está entre os 60 con mellor puntuación a nivel nacional, sendo o quinto de toda Galicia mellor valorado. “Hai que ter en conta que estes 400 proxectos son os que foron aprobados, pero as solicitudes foron moitas máis”, puntualiza Agís Gómez.

Isto permite ao Concello dispor de preto de 160.000 euros (concretamente, 158.480) para acometer esta reforma, que servirá para facer realidade unha transformación por completo este inmoble, construído hai preto de 70 anos e que, logo dunha ampla traxectoria como centro educativo, tamén foi utilizado como local social para colectivos de Samieira. A ampliación do edificio, a mellora da accesibilidade e a dotación dunha nova envolvente térmica, así como a renovación de iluminación e servizos, con algunhas das cuestións nas que se centrarán as obras.

Agís lembra que os fondos que proveñen do Programa PIREP están destinados a concellos de menos de 20.000 habitantes, para a realización de proxectos que busquen a mellora sostible de equipamentos de uso público e que supoña un aforro no consumo enerxético de, como mínimo, o 30%, ao tempo que se redunda na consolidación da mobilidade e da accesibilidade. Neste sentido, Gregorio Agís explica que a actuación proposta desde a Concellería de Urbanismo “supera con creces todos os requisitos, de aí que obtivese unha das puntuacións máis altas a nivel nacional, algo que para nós é un motivo de gran orgullo, xa que isto permitirá dar vida a un proxecto moi demandado pola veciñanza e que, precisamente, foi consensuado co tecido asociativo de Sameira no seu día”.

O investimento total que o Concello prevé realizar na unitaria ascende a uns 278.000 euros aproximadamente. Unha vez confirmada a dotación de fondos europeos, o titular de Urbanismo sinala que “agora continuaremos traballando na tramitación do proxecto, que xa conta con todos os permisos sectorais e que aspiramos a que sexa unha realidade na metade do ano 2024”.

Renovación de servizos no lugar de Arén
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou na súa última sesión o inicio do expediente da ampliación e mellora de servizos básicos neste lugar, ao tempo que se impulsa a accesibilidade e mobilidade sostible e consolidando o seu carácter como núcleo rural. Estes traballos financiaranse a través de fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2022, cunha contía que supera os 350.000 euros. Esta actuación tamén está impulsada pola Concellería de Urbanismo e Promoción Económica.

Publicacións Relacionadas