O Concello mantivo un encontro cos novos integrantes, membros veteranos da asociación que apostarán pola prevención e a continua colaboración
A experiencia dá un paso adiante para seguir garantindo a seguridade de tomiñeses e tomiñesas. O Concello mantivo un encontro coa nova directiva da Agrupación de Protección Civil, integrada por membros veteranos da asociación que asumiron con ilusión e compromiso a responsabilidade de liderar esta nova etapa co obxectivo de reforzar a prevención e seguir traballando pola protección da cidadanía.
A nova directiva está presidida por Ismael Silva Calvo, acompañado por Carlos Pereira Matías como vicepresidente, Juan José Rodríguez Blanco como secretario, Víctor Murga Conde como tesoureiro e Iván Fernández Fernández como vocal. Un equipo que coñece de primeira man o funcionamento da agrupación e que afronta este reto coa vontade de consolidar e mellorar o labor que Protección Civil desenvolve no municipio.
Durante o encontro, o Concello trasladou o seu agradecemento a todas as persoas que decidiron asumir esta responsabilidade. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “é moi importante que haxa xente con experiencia e vocación que dea este paso adiante. A seguridade da veciñanza tamén se constrúe con compromiso, prevención e traballo en equipo e desde o Concello imos seguir colaborando en todo o que sexa necesario”.
A rexedora subliñou tamén que o Concello mantén un diálogo permanente coa agrupación para avanzar na mellora das instalacións, da frota de vehículos, do material e dos recursos que sexan necesarios co fin de garantir que Protección Civil conte coas mellores condicións posibles para desenvolver o seu labor.
Pola súa banda, o concelleiro de Participación Veciñal, Agustín González, puxo en valor a disposición da nova directiva para traballar de maneira coordinada co Concello. “A colaboración e a prevención van ser unhas das liñas fundamentais desta nova etapa, algo clave para anticiparnos ás emerxencias e seguir ofrecendo un servizo próximo e eficaz á veciñanza”
A nova dirección de Protección Civil manifestou a súa vontade de continuar coa implicación activa da agrupación na vida do municipio, reforzando a formación, a prevención e a resposta ante incidencias, sempre en coordinación cos servizos municipais e as forzas de seguridade.
Con este encontro, o Concello de Tomiño reafirma o seu compromiso coa seguridade e coa participación cidadá, recoñecendo o valor do voluntariado e apostando por unha Protección Civil forte, preparada e próxima á veciñanza.



