HomeVigoO PorriñoProtección Civil do Porriño leva a formación en primeiros auxilios ás parroquias

Protección Civil do Porriño leva a formación en primeiros auxilios ás parroquias

- Anuncio -spot_img
  • Tras o éxito desta convocatoria, o curso estenderase ás distintas asociacións veciñais do municipio, co obxectivo de que cada vez máis persoas estean preparadas para actuar cando máis se precisa.

A Agrupación de Protección Civil do Porriño volveu demostrar o seu compromiso coa seguridade veciñal coa celebración, na parroquia de Atios, dun exitoso curso de primeiros auxilios que espertou un grande interese entre a cidadanía.

A xornada, eminentemente práctica e dinámica, permitiu ás persoas asistentes aprender a recoñecer a tempo un ictus, así como actuar con seguridade ante un atragoamento, queimaduras ou unha parada cardiorrespiratoria, situacións nas que unha intervención rápida pode marcar a diferenza entre a vida e a morte.

As persoas participantes non só recibiron formación teórica, senón que tamén puxeron en práctica as manobras básicas de emerxencia, adquirindo confianza e habilidades reais para responder ante imprevistos no fogar, na rúa ou no ámbito laboral.

Desde Protección Civil salientan a excelente acollida e a implicación do público, o que reforza a aposta da agrupación por achegar a formación en emerxencias ao conxunto da poboación.

Tras o éxito desta convocatoria, o curso estenderase ás distintas asociacións veciñais do municipio, co obxectivo de que cada vez máis persoas estean preparadas para actuar cando máis se precisa. Para o vindeiro mes están previstas dúas novas edicións en dúas parroquias, que serán anunciadas previamente.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a relevancia desta iniciativa e quixo trasladar o seu recoñecemento público á agrupación: “Desde o Concello do Porriño queremos felicitar a Protección Civil polo magnífico traballo que está a realizar con estes cursos de primeiros auxilios, que son unha ferramenta fundamental para coidar da nosa veciñanza. Formar á cidadanía para saber como actuar ante un ictus, un atragoamento ou unha parada cardiorrespiratoria é, literalmente, formar para salvar vidas”.

O rexedor subliñou ademais que o Goberno local continuará apoiando e impulsando este tipo de accións formativas: “Imos seguir apoiando e estendendo estas iniciativas a todas as asociacións veciñais porque o noso obxectivo é claro: que O Porriño sexa un municipio cada vez máis seguro, preparado e solidario”.

A Agrupación lembra que calquera persoa pode salvar unha vida coa formación axeitada e anima á cidadanía a sumarse ás vindeiras edicións dun curso que xa se consolida como unha ferramenta clave para construír un Porriño máis seguro, preparado e comprometido coa súa veciñanza.

Publicacións Relacionadas