Carmen Amoedo defendeu unha moción no pleno provincial para pedir ao Goberno que actúe sen máis dilación nesta estrada e faga todos os trámites e xestións precisas.
Pide a Carmela Silva e ao deputado responsable, Gregorio Agís, que salgan do Pazo provincial e visiten as estradas provinciais da provincia para comprobar “o estado lamentable no que se atopan”.
O grupo provincial do Partido Popular lamenta que hoxe PSOE e BNG votasen no pleno da Deputación de Pontevedra en contra de mellorar a seguridade viaria na EP-2702, entre Amoedo e Os Valos, en Pazos de Borbén. A deputada do PP, Carmen Amoedo, defendeu que a institución provincial, como titular desta estrada, “ten que actuar sen máis dilación” para acometer melloras nesta vía. “Que faga todos os trámites e xestións que precise para executar unha obra que é fundamental para a parroquia de Nespereira”, sinalou.
Amoedo recordou que é unha estrada moi estreita, na que non se poden dividir os carrís, sen beiravías e sen espazo para os peóns, e pola que circula tráfico pesado debido á proximidade do polígono industrial. “O Concello de Pazos de Borbén aínda non ten un proxecto concreto, pero ademais desde a Deputación queren descargar nel toda a responsabilidade para buscar e negociar as parcelas”, engadiu. Algo que para un concello pequeno, dixo, con só un aparellador na nómina e sen técnicos para facer ese traballo resulta moi difícil. “E fronte, temos unha deputación, cunha maquinaria e unha plantilla enorme de funcionarios, técnicos e estudos que non quere facelo”.
A deputada do PP tamén cuestionou por que nalgúns concellos a Deputación si se encarga de todo o procedemento, como no caso da Cañiza, e noutros non. “Prefiren que o proxecto continúe parado antes que traballar para as zonas do rural, que son os que máis o precisan e as que debería ser prioridade para este Goberno”. Por iso, pediu a Carmela Silva e ao deputado responsable, Gregorio Agís, que salgan do Pazo provincial e visiten as estradas provinciais da provincia para comprobar “o estado lamentable no que se atopan”.
O Concello de Pazos de Borbén xa solicitou a mellora deste vial en 2016, nun encontro co deputado de Mobilidade, e en 2018 a Deputación anunciou que contaba cun proxecto de ensanche e mellora da seguridade viaria para esta estrada, pero a día de hoxe, case tres anos despois, “non hai nada”.