Haberá case 30.000 euros en premios e comparsas a partir de 20 integrantes
Co gallo da celebración do Entroido na nosa vila, o Concello do Porriño publica as bases que rexerán os tradicionais desfiles de comparsas do Entroido 2026, incluídos no programa oficial destas festas, co obxectivo de fomentar a participación, a creatividade e o espírito festivo da veciñanza.
As comparsas interesadas en participar poderán inscribirse desde o día seguinte á publicación das bases no taboleiro municipal ata o 3 de febreiro de 2026, ambos incluídos, a través da sede electrónica do Concello, empregando o impreso normalizado e achegando a documentación requirida.
Poderán participar comparsas constituídas legalmente como asociacións, ANPA ou clubs sen ánimo de lucro, cun mínimo de 20 compoñentes, establecéndose dúas modalidades: infantil, ata 12 anos, e adultos/as, a partir dos 13 anos. A categoría asignarase en función da maioría de idades do grupo.
O Concello destina a esta convocatoria un importe máximo de 29.500 euros en premios á participación, que se repartirán segundo o número de integrantes de cada comparsa. Así, establécense contías de 605 euros para grupos de 20 a 39 persoas; 970 euros para os de 40 a 55; 1.210 euros para os de 56 a 85; 1.450 euros para os de 85 a 109; e 1.600 euros para comparsas de 110 compoñentes en adiante. Os premios repartiranse por orde de inscrición ata acadar o límite orzamentario, tendo prioridade as formacións do propio municipio.
Os desfiles celebraranse nas datas previstas no programa do Entroido: o sábado 14 de febreiro, o martes 17 de febreiro e o mércores 18 de febreiro, coincidindo co Enterro da Sardiña, no que as comparsas deberán participar cun mínimo do 20 % dos seus integrantes. Ademais, para optar aos premios será obrigatorio desfilar tanto o sábado como o martes.
As bases recollen tamén as obrigas das comparsas, entre elas levar un cartel identificativo, respectar as normas de seguridade e evitar o uso de animais, sprays ou petardos, co fin de garantir o bo desenvolvemento dos desfiles.
Así mesmo, establécese a creación dun comité de observación encargado de supervisar o cumprimento das bases, valorar a documentación presentada e propoñer a concesión dos premios, que serán finalmente resoltos por decreto da Alcaldía.
Desde o Concello do Porriño anímase ás asociacións e colectivos a participar activamente nesta cita festiva, que cada ano converte as rúas da vila nun escaparate de imaxinación, tradición e convivencia, reforzando o carácter popular e participativo do Entroido.
Podes consultar as bases completas no taboleiro de anuncios municipal, na web ecultura.net, nos medios habituais de difusión da Concellería de Festexos do Concello do Porriño.



