• Desde o PP lamentan profundamente que, despois de tanto investimento, o goberno do BNG deixase morrer este espazo
• “Cubrir só 10 dos 28 postos é un parche que non soluciona o problema”
O portavoz do Partido Popular no Concello de Pontevedra, Rafa Domínguez, lamentou hoxe a “nefasta xestión” do goberno local respecto ao Mercado de Abastos tras o anuncio realizado esta mañá pola concelleira do BNG, Anabel Gulías, sobre un novo plan de revitalización.
Domínguez lembrou que, desde a súa reapertura en 2019, “Lores deixou morrer este espazo”, a pesar de investir “centos de miles de euros de todos os pontevedreses para acabar nun resultado lamentable”.
O dirixente popular cualificou o novo plan como “un parche sen ambición”, criticando que só se contemple cubrir 10 das 28 prazas vacantes. “Isto non soluciona nada, é máis do mesmo: falta de xestión e falta de proxecto”, afirmou.
“Este plan está moi lonxe do modelo que defendemos para o Mercado de Abastos, que pasa por unha revitalización real, ambiciosa e con visión de futuro”, engadiu.
“Lamentamos profundamente que, despois de tanto investimento, o resultado fose desastroso e que agora se presente un plan que non está á altura do que merece Pontevedra”, concluíu

