• A cita, con entrada libre, terá lugar o vindeiro venres 14 de outubro, a partir das 20.00 horas e servirá para pechar o programa de actividades impulsado desde a Casa Museo de Colón durante os últimos meses
• Desde hai uns días está operativa unha campaña de ‘bookcrossing’ nas instalacións, a través da cal se busca fomentar a lectura a través do intercambio de libros de temática libre
‘Mitos, lendas e tradición oral de Poio’ é o nome da iniciativa que terá lugar o vindeiro venres 14 de outubro, no Casal de Ferreirós, e que contará coa participación de dous investigadores e escritores de renome. Trátase do antropólogo Rafael Quintía, que falará sobre a antropoloxía, a mitoloxía e a tradición oral de Poio, e de Lino Pazos, que centrará a súa conferencia nas lendas existentes en torno á Illa de Tambo, coñecida no seu momento tamén como ‘A illa do tesouro’. Estas charlas darán
comezo a partir das 20.00 horas, con entrada libre, e organízanse a través da Casa Museo de Colón. Desde o Concello lémbrase que estas dependencias, situadas no lugar de Portosanto, permanecerán abertas ao público en xeral ata o vindeiro 15 de outubro, de xoves a domingo, desde as 12.00 ás 19.00 horas. A partir da devandita data, as instalacións poderán seguir acollendo visitas guiadas, a través da Asociación Galicia Histórica.
Ademais desta cita, desde a Casa Museo tamén se está a fomentar a lectura a través dunha campaña de ‘bookcrossing’. Este método ten como finalidade animar á cidadanía a intercambiar libros de xeito anónimo. O ‘bookcrossing’ consiste en depositar un exemplar nun punto concreto, onde xa se atopen outros libros deixados previamente por outras persoas, de xeito que todas elas teñan a posibilidade de acadar novos tomos. No caso da Casa Museo, desde finais do pasado mes de setembro vén de habilitarse un punto de entrega e recollida de libros na recepción. Unha das cuestións nas que se fai fincapé é no feito de que os exemplares que se entregan poden corresponder a calquera temática. Así, atópanse desde novelas ata poesía, pasando por libros de fotografías. A intención é involucrar á cidadanía sen importar a idade, se ben tamén se quere facer fincapé na implicación do tecido educativo.
O ‘bookcrossing’ continuará operativa ata que permanezan abertas as instalacións. Para máis información pode enviarse un correo electrónico a museocolon@concellopoio.gal ou chamando ao número de teléfono 986833204. Por último, o Concello tamén agradece a masiva asistencia coa que contaron as charlas impartidas a pasada semana polo investigador e escritor Ángel Carracelas e o presidente da Asociación Galicia Histórica, Pedro Martín, sobre a teoría do Colón galego. As ponencias, que tiveron lugar no Casal de Ferreirós, incluíron tamén unha visita guiada á Casa Museo de Portosanto.



