• Como cada ano, desde a Concellería de Cultura e Educación premiouse ás persoas que solicitaron un maior número de préstamos durante o ano
A concelleira de Cultura e Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, fixo entrega este mércores dun lote de libros ás persoas que durante o ano 2022 solicitaron un maior número de préstamos na Biblioteca Municipal. Tal e como lembra a propia edil, este é un agasallo co que se premia e se incentiva “a paixón pola lectura” e co que se conmemora cada 11 de xaneiro o Día dos Usuarios e Usuarias das Bibliotecas en Galicia. Nesta ocasión, os agasallos foron para o veciño de San Salvador Carlos Osma Moyano e para a veciña de Campelo Irene Mariño Piñeiro. Rodríguez Alonso agredeceu a súa fidelidade lectora coa biblioteca e salientou que nos últimos anos o servizo de préstamos nas dependencias situadas en Campelo están a experimentar un importante aumento, feito que, ademais, “ten a súa relevancia porque falamos de usuarios e usuarias de diferentes idades, desde adultos ata crianzas”.
A Biblioteca Municipal conta na actualidade con máis de 16.000 unidades a disposición da cidadanía, entre as que se inclúen novelas de actualidade, clásicos, ensaios e unha ampla oferta de literatura e obras en lingua galega. A todo isto hai que sumarlle, ademais, todo o material audiovisual dispoñible. A concelleira de Cultura e Educación tamén salienta, asemade, o gran número de actividades lúdicas que se organizan a través da Biblioteca ao longo de todo o ano, e que inclúen sesións de contacontos, iniciativas temáticas ou a conmemoración de datas de relevancia como o Día de Rosalía ou o Día do Libro, entre outras. Ademais, sen saír do eido cultural, estas instalacións tamén son moi importantes, ao acoller a colectivos como o alumnado da Escola de Música.
O Concello recorda que na actualidade o horario de atención ao público da Biblioteca Municipal de Poio é de 16.30 a 19.30 horas, unha vez finalizadas as vacacións de Nadal, nas que as dependencias estiveron operativos polas mañás.



