– Esta semana celébrase o Día Mundial da Auga e Redondela a colle unha charla informativa sobre os problemas ambientais e sociais que provoca a industria téxtil. “Moda con conciencia” é o título desta xornada informativa en colaboración con Cáritas. Será o xoves, 20 de marzo ás 18.00 no Multiúsos da Xunqueira.
– Redondela conta con dez colectores de Cáritas para recollida de roupa usada en diferentes puntos da vila, Chapela, Cesantes, Reboreda e Cedeira. En xaneiro a veciñanza depositou un total de 3.850 quilos de roupa, e en febreiro foron 2.690 quilos.
A tendencia dos últimos anos dun consumo masivo de moda barata, con prendas de roupa de “usar e tirar”, revolucionou a industria téxtil.
A moda rápida disparou a cantidade de roupa que se produce, pero tamén a que se tira. A industria téxtil é altamente contaminante, tanto no proceso de fabricación como despois na xestión das prendas que xa non se utilizan. Segundo datos da UE, para producir unha camiseta de algodón precísanse 2.700 litros de auga doce. Ademais, este sector é o responsable do 20% da contaminación mundial de auga potable.
Esta semana, cando se celebra o Día Mundial da Auga, Redondela colle unha charla informativa sobre os problemas ambientais e sociais que provoca a industria téxtil. “Moda con conciencia” é o título desta xornada informativa en colaboración con Cáritas. Será o xoves, 20 de marzo ás 18.00 no Multiúsos da Xunqueira. Na charla, aberta ao público en xeral, abordaranse todas as consecuencias da “moda rápida”, tanto na fabricación como na inxente cantidade de residuos que produce. Nos últimos anos tamén cambiou a forma en que nos desfacemos da roupa non desexada, e é habitual tirar coas prendas en lugar de doalas. Menos da metade da roupa usada é recollida para reutilizar ou reciclar.
Na charla do xoves explicaranse as fórmulas para paliar os efectos negativos desta industria e as alternativas da reciclaxe. Organizacións como Cáritas seleccionan e tratan esta roupa nos seus almacéns e plantas de xestión, para despois comercializala en puntos de venda de roupa de segunda man. Trátase dun proxecto de economía circular que xera emprego, xa que a roupa precisa clasificación, limpeza, distribución e comercialización.
Redondela recolle unha media mensual de 3.000 quilos de roupa usada
O municipio de Redondela conta con dez colectores de Cáritas para a recollida de roupa usada. Están distribuídos en diferentes puntos de Redondela, Chapela, Cesantes, Reboreda e Cedeira. No mes de xaneiro a veciñanza depositou nestes colectores un total de 3.850 quilos de roupa, e en febreiro foron 2.690 quilos.