– A alcaldesa, Digna Rivas, valora de xeito moi positivo a aprobación definitiva do orzamento municipal, o máis alto da historia de Redondela. A rexedora afirma que “xa podemos empezar a executar estas contas, tras ter que esperar máis de dous meses logo da actitude irresponsable dos grupos da oposición”.
– O goberno local presentou o orzamento en abril. PP e BNG rexeitaron as contas, e Rivas vinculounas a unha cuestión de confianza. No prazo que establece a lei non se presentou unha moción de censura, polo que o orzamento seguiu o seu trámite. “O goberno local non deixou de traballar nin un minuto, e o único que conseguiu a oposición foi facer perder o tempo aos veciños e veciñas de Redondela”, afirma a rexedora.
O Concello de Redondela aproba por fin de xeito definitivo o seu orzamento xeral, que ascende a 21.697.887 euros. Logo do pleno celebrado hoxe, o Concello enviará mañá as contas para que sexan publicadas no Boletín Oficial da Provincia. Unha vez resolto este último trámite o orzamento será oficial.
A alcaldesa, Digna Rivas, valora de xeito moi positivo a aprobación definitiva do orzamento municipal, o máis alto da historia de Redondela. A rexedora afirma que “xa podemos empezar a executar estas contas, tras ter que esperar máis de dous meses logo da actitude irresponsable dos grupos da oposición”. O goberno local presentou o orzamento en abril, e logo de que PP e BNG rexeitasen as contas, Rivas vinculou as contas a unha cuestión de confianza celebrada en maio. No mes de prazo que establece a lei a oposición non presentou unha moción de censura, polo que o orzamento municipal seguiu o seu trámite. A alcaldesa afirma que o goberno local “non deixou de traballar nin un minuto” e denuncia que a oposición está na actitude do “non” de xeito permanente. Todo este proceso pon de manifesto que en Redondela “non existe alternativa de goberno, e o único que conseguiu a oposición foi facer perder o tempo aos veciños e veciñas de Redondela, ao paralizar proxectos moi importantes para este municipio”, afirma a rexedora.
No pleno extraordinario celebrada esta tarde desestimáronse todas alegacións presentadas aos orzamentos xa que, tal como informa o interventor municipal, ningunha delas cumpría os requisitos que establece o artigo 170.2 da Lei Reguladora das Facendas Locais.
O goberno local poderá agora empezar a executar as contas “que son un compromiso deste goberno municipal, un orzamento solidario, social, equilibrado, responsable, e sobre todo sostible e xerador de riqueza e actividade económica”. As contas municipais “están saneadas e non deixan de medrar”, explica a alcaldesa. Este ano son de case 21,7 millóns de euros, “o que supón que nos seis anos dun goberno progresista o orzamento subiu 2,5 millóns de euros”, apunta Rivas.
O goberno local advirte tamén que boa parte do orzamento vai gastarse en servizos que non son competencia municipal pero que o Concello asume “por responsabilidade” ante o incumprimento da Xunta de Galicia. A alcaldesa pon exemplos como de servizos básicos como a Axuda no Fogar, no que o Concello inviste 1,5 millóns de euros. Sinala tamén o caso dos centros de ensino, competencia da Xunta, onde o Concello fai obras que non lle corresponden, como as medidas de protección do CEIP Laredo para garantir a seguridade. Noutros servizos como os comedores ou o transporte escolar, competencia exclusiva da Xunta de Galicia, o Concello asume tamén un gasto moi elevado “para garantir o acceso ao ensino de todo o alumnado”.

