– A alcaldesa, Digna Rivas, farase cargo da nova área que terá entre as súas funcións difundir e dar a coñecer os valores democráticos, así como dignificar ás vítimas da represión. Para Rivas “o coñecemento da historia é agora máis importante ca nunca ante os auxe dos discursos da extrema dereita e a ideoloxía neo fascista”.
– A nova área porá en valor a historia da illa de San Simón, símbolo da represión franquista e declarada Lugar de Memoria Democrática. O Concello decide así asumir esta responsabilidade “ante o desinterese da Xunta de Galicia neste asunto e a negativa a que Redondela participe no órgano de xestión da illa”.
O Concello de Redondela anuncia a creación dunha nova área: a concellería de Memoria Democrática. A alcaldesa, Digna Rivas, será a responsable desta área “xa que desde o Concello levamos anos facendo actividades relacionados con memoria democrática, pero non estaban unificados nunha única área específica”. O obxectivo principal é “o coñecemento e a aprendizaxe en valores democráticos, sobre todo para as novas xeracións”, explica a alcaldesa. “Coñecer a historia é agora máis importante ca nunha”, afirma Rivas “ante o auxe dos discursos de extrema dereita e o crecemento da ideoloxía neo fascista”. A nova concellería fará unha labor “pedagóxica” para que os máis novos saiban que os dereitos e liberdades dos que hoxe disfrutamos “non chegaron de xeito gratuíto”. A democracia e a xustiza social “houbo que loitalos” e milleiros de persoas “sufriron represión, torturas ou foron asasinadas por defender a liberdade”, advirte Digna Rivas.
Unha vez que o Goberno de España confirmou a declaración da illa como Lugar de Memoria Democrática, o goberno local entende que é necesario crear esta nova concellería. A alcaldesa lembra que a Xunta de Galicia negou reiteradamente a participación do Concello no órgano de xestión da illa, “polo que teremos que encargarnos desde a administración local de divulgar o que aconteceu alí”, sinala Rivas. A rexedora redondelá lamenta “o desleixo e o desinterese da Xunta de Galicia con todo o relacionado coa Memoria Democrática”. En abril deste ano mantivo unha xuntanza co conselleiro de Cultura, José López, que se comprometeu a realizar actividades de memoria democrática na illa “pero seis meses despois non tivemos ningunha noticia”. A ocultación do que supuxo a represión en Redondela levou a que no Parlamento Galego se negase os mortos en San Simón, onde ademais dos fusilados faleceron máis de 500 presos por desnutrición ou enfermidades.
O Concello traballa da man do Ministerio de Memoria Democrática
Unha das liñas de traballo da concellería será crear unha base de datos sobre a represión en Redondela, con información que se incluirá na web do Concello. “Pretendemos recoller o acontecido durante a Guerra Civil e o franquismo e incluír tamén a historia das madriñas de San Simón e de tantas mulleres solidarias coas vítimas da represión” avanza Rivas. Desde o Concello de Redondela xa se está a traballar co Ministerio de Memoria Democrática. A pasada semana a alcaldesa mantivo unha reunión informal co ministro Ángel Víctor Torres, quen lle trasladou o apoio do Goberno ás iniciativas do Concello en canto á memoria democrática. Torres anunciou tamén que avanzarán nos trámites para que San Simón sexa lugar de memoria “antes dun ano”.



