– Na Mesa Local de Saúde acordouse poñer en marcha grupos de traballo en tres ámbitos: saúde mental, especialmente na infancia e adolescencia; sedentarismo e alimentación; e soidade non desexada, concretamente nas persoas maiores e nas mulleres. Tanto o Concello como as entidades participantes sinalaron como un dos graves problemas da sanidade pública “a falta de recursos no Sergas en materia de Saúde Mental”.
Esta semana reuniuse na Casa da Cultura a Mesa de Saúde Local de Redondela, da que forman parte o Concello e o Centro de Saúde de Redondela xunto cunha ducia de entidades e asociacións. Na xuntanza acordouse poñer en marcha grupos de traballo para tratar “de xeito específico e en profundidade” necesidades da cidadanía en ámbitos concretos da saúde. Nun primeiro momento establécense tres grupos de traballo: saúde mental, especialmente na infancia e adolescencia; sedentarismo e alimentación; e soidade non desexada, concretamente nas persoas maiores e nas mulleres.
Estes grupos deseñarán proxectos que melloren a saúde da poboación nestes ámbitos. En cada un deles participarán as entidades relacionadas coa temática a tratar, que serán convocadas en próximas datas. Igualmente, segue aberta a opción de que as entidades, centros ou colectivos interesados se sumen a esta iniciativa.
Nesta reunión participaron representantes de diversas entidades como a Federación de ANPA’s de Redondela, a Asociación Lenda, Cruz Vermella, o CEP Santa Mariña, o CAPM de Cesantes, a Asociación de Mulleres Arela, así como persoal sanitario do Centro de Saúde de Redondela, a concelleira de Servizos Sociais e responsables da Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS). Tanto o Concello como as diferentes entidades participantes puxeron o foco nas eivas da Sanidade Pública en especialidades como a Saúde Mental, “onde os recursos actuais que existen no Sergas son totalmente insuficientes”.
Por outra banda, nesta xuntanza tamén se analizaron as primeiras propostas a levar a cabo, como a creación dunha rede de profesionais das distintas entidades, centros e administracións públicas do Concello para a mellora da coordinación e atención ás persoas usuarias, o fomento da mobilidade activa e accesible, a posta en marcha de actividades interxeneracionais e a realización de actividades formativas, dirixidas a profesionais e familias en materias como benestar emocional, condutas aditivas, etc.

